Nestas datas de Nadal adobiar a casa coa árbore ou co Belén son costumes que veñen de lonxe e que, malia o correr dos tempos e a modernización dos mesmos, semella que non queren desaparecer… No caso concreto dos nacementos, o tema dá para moito pois son moitos os exemplos deste tipo de representacións plásticas do nacemento de Xesucristo que se exhiben en igrexas, comercios e fogares nestas festas. E que ademais teñen vertente en liña. Como por exemplo o senlleiro Belén electrónico do concello lucense de Begonte, que vén de renovar a súa web, www.belendebegonte.es, convertida en arquivo dixital histórico. Segundo os seus promotores (o Centro Cultural José Domínguez Guizán), a nova páxina recollerá máis de 10.000 documentos sobre a historia deste nacemento que cumpre 45 anos.
A remodelación, segundo informou o centro, era “unha absoluta necesidade”, malia existir unha web antiga que recollía información sobre o belén pero que se cadra non estaba todo o adaptada ás novas correntes dixitais como sería desexable. A posta a punto da páxina fíxose “coa idea de recoller e pór a disposición de calquera persoa interesada toda a historia do belén, que acada neste Nadal as 45 edicións”.
Cómpre dicir que o Belén de Begonte abríase ao público o pasado 4 de decembro, un nacemento electrónico que recrea a vida dunha vila chairega de anos atrás. Esta recreación expón nuns 15 minutos distintas circunstancias meteorolóxicas, amosa oficios antigos, amais das accións típicas dun Belén que foi nomeado Festa de interese turístico de Galicia dende 2014. O Belén electrónico de Begonte atópase no devandito Cultural José Domínguez Guizán (Barrio de Quitimil, nº2).
Renóvase a web do histórico Belén de Begonte
Compartir Este Artigo

