O Concello de Sober, en plena Ribeira Sacra de Lugo, vén de estrear aulas informática e multimedia de seu. E fíxoo esta mesma semana inaugurando as instalacións cunha actividade didáctica para nenas e nenos de máis de sete anos sobre programación coa ferramenta Scratch, un recurso moi acaido (pola súa sinxeleza e posibilidades) para introducir á rapazada nos segredos da construción de programas e sistemas de robótica. Nas novas aulas, emprazadas no Centro Sociocultural, impartirase formación e desenvolveranse actividades lúdicas para todas as idades. O espazo informático conta con dez postos de traballo, un equipo para o docente, impresora e proxector. A previsión do Concello é achegar obradoiros de informática para cativos todos os venres pola tarde.
Nun plano máis concreto, tamén se contempla introducir aos alumnos na comunicación blog (a idea é que eles mesmos conten cunha bitácora de seu e lle acheguen contidos de xeito regular nos diferentes obradoiros). Asemade, haberá actividades formativas e divulgativas para adultos, tocando temas como a Internet, as redes sociais, o uso dos smartphones ou os conceptos de informática básica.
Polo que atinxe á aula multimedia, conta con dous televisores, un de eles integrado cun sistema de teatro na casa, e dúas consolas de videoxogos. Segundo informou o Concello, as actividades programadas consistirán na proxección de documentais, películas, así como xornadas de cinema e xogo para nenos e nenas.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explicou con motivo da estrea das aulas, que o obxectivo do Concello é actuar como aliado dixital para participar arreo na Plan de Inclusión Dixital de Galicia deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O que se busca coa adhesión ao Plan é, segundo precisa o rexedor, “a mellora dixital a nivel local para proporcionar á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social”.
O horario da aula de informática e da multimedia será de martes a venres de 10:00 a 13:00 horas polas mañás. Polas tardes, martes e mércores de 16:00 a 19:00 horas e os venres de 16:00 a 18:00 horas.
Sober pon en marcha as súas aulas de informática e multimedia
Compartir Este Artigo

