Mar Castro, experta lucense en novas tecnoloxías, estivo este mércores no consistorio da súa cidade na presentación das súas últimas publicacións ao respecto da comunicación dixital, NETiqueta. Comunicación en Entornos Digitales e Etiqueta & NETiqueta. Generación Digital. Trátase, segundo se fixo saber no acto presidido pola alcaldesa Lara Méndez, dos dous primeiros libros en castelán sobre #NETiqueta (conxunto de boas prácticas para a comunicación dixital efectiva e humanizada) publicados por Nova Galicia Edicións.
Mar Castro, responsable do blog marcastro.es (un referente no panorama da comunicación dixital), foi recentemente recoñecida no Congreso InLugo, na categoría Tecnoloxía dos premios do mesmo nome, na que se situou como finalista grazas á súa contribución como “experta lucense en protocolo de prestixio nacional e moi centrada en difundir o seu traballo e publicacións a través da súas redes sociais, web e blog”.
Volvendo ao de presentación das súas publicacións, sinalar que tamén estiveron presentes o concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o director e editor de Nova Galicia Edicións, Carlos del Pulgar. Na cita cos medios, a rexedora salientou “o traballo realizado por Mar Castro con estes dous libros, nos que plasma uns asuntos de tanta relevancia na sociedade actual, como son os da comunicación en distintos espazos tecnolóxicos e a utilización que facemos das novas tecnoloxías”.
Mar Castro presenta en Lugo os seus libros sobre NETiqueta
Compartir Este Artigo

