O grupo galego Itelsis, membro do Clúster TIC Galicia, vén de dar forma a unha tecnoloxía que permite facer seguimento das maletas cando viaxamos, convertendo en realidade a localización exacta da nosa equipaxe en calquera intre a través do uso do noso móbil. A tecnoloxía en cuestión, unha solución baseada nun dispositivo miúdo, vai ser presentada no salón FITUR (Feira Internacional de Turismo) que comeza hoxe e que mantén as súas portas abertas ata o día 22 deste mes. Itelsis amosará o localizador coa empresa que lle dá nome ao dispositivo: Wimbag. Esta tecnoloxía, amais do devandito, atesoura potencial de abondo para integrarse cos sistemas de equipaxe perdida das principais compañías de voo e, desta maneira, podermos recuperar os obxectos extraviados sen necesidade de desprazarnos.
A solución vén da man do enxeñeiro galego Santiago Álvarez, quen logo de desenvolver a súa andaina desenvolvedora a título individual decidiu procurar a colaboración do Grupo Itelsis. Desta alianza saíron froitos concretos tras varios meses de traballo: a creación dunha solución baseada nun dispositivo de pequenas proporcións (apenas 80 x 60 x 15 mm e 100 g. de peso) que, ao incluílo dentro da maleta permite saber, “comodamente desde o teléfono móbil do usuario”, o que está a acontecer coa súa equipaxe en todo momento. Amais disto, o sistema ten capacidade para fornecer ao usuario notificacións de interese acerca das súas bagaxes, cousas como lanzar avisos en caso de extravío ou posible abandono, alerta de situacións de apertura non autorizada ou notificacións de batería de dispositivo baixa. Ademais, recoñece os datos do voo do usuario alertándoo no caso de quea maleta chegue a un aeroporto incorrecto.
En FITUR Santiago Álvarez e a súa equipa tamén salientará outra das súas grandes funcións: a posibilidade de permitir que os usuarios poidan xestionar a recuperación da equipaxe en caso de perda “directamente desde a aplicación”, evitando desta maneira “ter que esperar as interminables ringleiras fronte ao portelo de reclamacións no aeroporto e evitar así incómodas interrupcións durante a viaxe”. Para conseguir este punto, Wimbag e Itelsis están a negociar acordos con varias compañías de voo, para poder integrar a aplicación cos seus sistemas de equipaxe perdida.
Wimbag e Grupo Itelsis amosan en FITUR o seu localizador de equipaxes
Compartir Este Artigo

