O Nadal deixounos a moitos unha maré de novos móbiles, tabletas, cámaras e computadores, e por iso os días posteriores a estas festividades son se cadra os máis axeitados para concienciarnos sobre a necesidade de impulsar correctos tratamentos para os aparellos que xa non empregamos. Con este fin de impulsar unha xestión sustentable e axeitada e, tamén, de promover segundas e terceiras para boa parte dos equipos, o Campus de Pontevedra vén de iniciar unha nova campaña de tecnoloxía verde. Trátase da III Semana da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que nesta ocasión busca recoller todos aqueles equipos que xa non lle son útiles aos membros da comunidade universitaria ou a usuarios e usuarias particulares. A campaña abriu este luns e fica aberta ata o 27 de xaneiro.
Durante toda a semana estarán emprazadas en cada unha das facultades do Campus e na Casa das Campás unhas caixas elaboradas polos traballadores da Área de Planificación do Campus cun cartel explicativo da iniciativa no que se poderán ir depositando todos aqueles dispositivos electrónicos como móbiles vellos, cargadores, radios, ordenadores… ou electrodomésticos aos que xa non se lles dea uso para que sexan recollidos e tratados por un xestor autorizado.
“Buscamos sobre todo recoller o material do día a día da comunidade universitaria, como cables, transformadores de ordenadores… pero tamén poden levarse calquera outro tipo de aparellos que empreguen electricidade ou baterías”, explica Celso Cancela, director da Área de Planificación. O que fica totalmente prohibido é botar “lámpadas, baterías soas ou pilas, xa que teñen os seus contedores específicos”. Ao final da semana os responsables da Oficina de Medio Ambiente da Universidade recollerán o material amoreado e carrexarano cara a varias empresas en Vigo especializadas no tratamento destes residuos. A Semana, por certo, terá continuidade este mesmo ano cunha cuarta campaña, que se vai desenvolver na recta final do curso académico, que é o intre por excelencia en que a comunidade universitaria adoita desfacerse do seu material tecnolóxico.
Dende a organización salientan “o éxito de edicións anteriores desta campaña”, que durante a última Semana de recollida chegou a acumular ata 162 obxectos, entre eles 30 teléfonos móbiles, 34 cargadores, cinco impresoras, catro ordenadores e ata un televisor, un secador de pelo, un walkman ou un espremedor.
O Campus de Pontevedra desenvolve a súa terceira semana de recollida de aparellos electrónicos
Compartir Este Artigo

