A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar un ano máis o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro (fixado como aniversario do nacemento da autora de Follas Novas), e vaino facer coa vista posta nos espazos comunicativos onde se move a nosa mocidade: as redes sociais. A listaxe de actividades é do máis completo, e inclúe un convite a facermos agasallos de libros e flores, un acto central (ás 12 do domingo 19 no Panteón de Galegos Ilustres) e lecturas públicas por todo país, en colaboración coa base asociativa da AELG. Nos centros de ensino, en Secundaria e Bacharelato, a asociación convidará a festexar a figura de Rosalía con gravacións colectivas dun mannequin challenge, que é como se coñece un fenómeno viral en Internet baseado en pezas audiovisuais onde os protagonistas “bailan” inmóbeis mentres unha cámara en movemento os filma. No convite da AELG, os participantes interaccionarán de maneira visual coa obra ou a figura da escritora galega.
Para Infantil e Primaria, a asociación propón que cada alumna/o elabore unha máscara de Rosalía de Castro. Logo a actividade consistiría en facérense fotos acompañadas/os de persoas maiores e carrexando pequenos carteis con versos rosalianos escolleitos por cada participante. A documentación gráfica sería subida á Rede polo centro de ensino antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe.
Desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron Allariz, Ames, Baiona, Bueu, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. A estas entidades sumáronse tamén as Deputacións da Coruña e Lugo.
A AELG convida a celebrarmos o Día de Rosalía nas redes sociais
Compartir Este Artigo

