O Consorcio da Zona Franca de Vigo deu a coñecer hoxe na súa web a relación dos 18 proxectos que foron seleccionados para pasar á fase de aceleración da nova edición de VíaGalicia, a cuarta. Son, en detalle, quince iniciativas empresariais de diversos sectores (cun firme e sólido nexo común nas novas tecnoloxías nas súas múltiples manifestacións e conexións) e tres do sector aeronáutico e espacial (aeroespacial) que comezarán a acelerarse en febreiro no Centro de Negocios e no Edificio tecnolóxico Aeroespacial que o Consorcio da Zona Franca de Vigo ten no Parque Empresarial de Nigrán.
Nesta nova fase que empeza agora, a Zona Franca e o Goberno galego, a través das súas axencias GAIN e IGAPE, e coas sociedades de capital-risco Vigo Activo e Xes Galicia, apoiarán aos dezaoito proxectos seleccionados cun financiamento de ata 125.000 euros para cada un deles e co fin de que desenvolvan os seus negocios e consigan lanzar de facto ás súas empresas ao mercado. Así, este programa achégalles un total de 2.250.000 euros de financiamento directo en forma de subvención ou de empréstamos participativos.
Ademais deste financiamento e do acubillo físico de balde, cada proxecto terá asignado un titor especializado que o acompañará durante esta fase na que se realizarán tamén diversas sesións de traballo en rede con outros emprendedores.
A finais de 2017 todos os proxectos terán que estar construídos como empresas e deberán desenvolver e vender o seu produto ou servizo. Os que rematen con éxito serán presentados por ViaGalicia a posibles investidores. Nesta cuarta edición, ViaGalicia fixo especial fincapé en potenciar dous sectores específicos: o aeroespacial e o de tecnoloxías 4.0.
No eido aeroespacial seleccionáronse dous proxectos de sector espacial e un do aeronáutico: Aistech Space (xera información de valor a partir de datos captados desde o Espazo mediante unha constelación de cubesats), Alén Space (que ofrecerá servizo frecuente e estándar a empresas que queren probar os seus produtos no espazo) e 3EData Enxeñaría Ambiental (que analiza información de datos e imaxes obtida mediante vehículos aéreos non tripulados).
No que atinxe ás tecnoloxías 4.0, seleccionouse a proposta 3D Click (plataforma na nube para presentacións interactivas en 3D con funcións de Realidade Aumentada, AR).
A maiores, pasan á seguinte fase estas iniciativas: AffiniMeter (software científico para análise de datos para a industria farmacéutica que aumenta as posibilidades de descubrir novos fármacos), BoardFy (radar de prezos en liña que permite a unha empresa ou marca controlar os prezos dos seus competidores), Petit Candela/DECOen4pasos (plataforma de comunidade de blogs para realizar proxectos de interiorismo en liña), Help-Flash (luz de emerxencia para vehículos conectada mediante unha aplicación móbil á compañía de seguros ou aos servizos de emerxencia), Alazia (marca de moda casual sustentable tanto pola súa fabricación como polos seus tecidos ecolóxicos e reciclaxes), Idawen (fabricación de accesorios e moda deportiva con tecnoloxía de impresión dixital), Thunders Love (calcetíns orixinais que se converten en gravatas); Paus (vinilos adhesivos con máis de 200 usos para tapar webcams ou para soster smartphones), Mr. Broc (produtos personalizados e deseñados a partir do debuxo dos nosos nenos), Send2Me (caixa de correos intelixente xestionado desde unha aplicación móbil que resolve a entrega e recollida de paquetes nas vivendas), Filament2Print (venda de produtos para a impresión 3D coa maior gama de materiais industriais do mercado europeo), AtlantTeat (entrega a domicilio de produtos e receitas semi-cociñadas para seareiros dos fogóns sen experiencia ou sen tempo) ou Tolemias (produción e distribución de contidos musicais en directo a través de plataforma dixital). E por último seleccionouse o proxecto Conforta (financiamento mediante micromecenado, crowdfunding, para a compra e rehabilitación de vivendas en centros históricos co fin de ser adicadas a alugueres turísticos).
Esta escolma realizouse despois de que os responsables dos proxectos das sedes de Lugo (Fundación CEL) e Vigo defendesen a súa idea de empresa durante as xornadas denominadas Demo Day celebradas a fin de semana pasada.
As tecnoloxías visionarias copan os 18 proxectos que pasan á fase de aceleración da cuarta VíaGalicia
Compartir Este Artigo

