Medio Ambiente vén de facer reconto da actividade recente da aplicación para trebellos móbiles dos Parques Naturais de Galicia, posta en marcha pola pola dita consellería. Pois ben, segundo se fai saber no repaso, unha boa parte desta actividade (traducida en termos de descargas) concentrouse na pasada celebración do salón de turismo FITUR, celebrado en Madrid. Durante o desenvolvemento da feira, rexistráronse preto de 1.000 descargas.
Medio Ambiente lembra que na actualidade esta aplicación leva rexistradas un total de 9.189 descargas entre os sistemas iOS e Android para os que se achega, o que pon de manifesto que o 10% das operacións leváronse a cabo durante o devandito salón turístico referencial, onde tivo presenza a consellería presentando (entre outras cousas) a nova imaxe e marca Galicia, natural e única, amais da ferramenta para móbiles dos parques naturais (facendo fincapé en moitas das súas vantaxes, como o feito de amosar “cun só clic” información completa e actualizada sobre os valores, recursos, situación, servizos, roteiros e áreas de influencia dos nosos parques”).
Por outra banda, Medio Ambiente lembra que a aplicación será en breve obxecto de melloras, ampliando a información relacionada co conxunto de espazos protexidos da Comunidade galega.
Ademais, avanzáronse en FITUR detalles da primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia. Este sitio web (parquesnaturais.xunta.gal), sinalou a conselleira Beatriz Mato, “quere ofrecer aos visitantes dos parques toda a información necesaria para gozar e sacar o máximo proveito á súa visita; datos sobre a xeolocalización dos espazos, os servizos dispoñibles, as rutas e os recursos en xeral destinados a enriquecer a experiencia das persoas que visitan os complexos naturais protexidos”.
Os visitantes de FITUR tiraron proveito da aplicación móbil dos nosos parques naturais
Compartir Este Artigo

