Quen queira tecnoloxía e poder visualizala con vistas a incorporala no seu día a día empresarial, vai seguir tendo oportunidades de facelo no Centro Demostrador TIC de Santiago. Sen ir máis lonxe, tanto as empresas afeitas a manexar grandes cantidades de datos (por exemplo bufetes de avogados) como as centradas no ámbito da panadaría e a repostería van ter dúas citas importantes na xornada do 8 de febreiro. A primeira hora da tarde, de 16.00 a 17.30 horas, presentarase no centro que xestiona AMTEGA o xestor documental Digitaldocu. Logo, ás 18.00 horas, será a quenda de JustBreadSoft (xestión para permitirnos aforrar tempo nas panadarías). As dúas sesións demostradoras virán da man da empresa galega Unayta.
En primeiro lugar, Digitaldocu é unha solución destinada a permitirnos mellorar os nosos procesos de almacenaxe, localización, consulta e tramitación de documentación en calquera organización, por moi inxente que sexan os volumes de datos xerados. As vantaxes da ferramenta residen nos aforros de custos, tempo e espazo que pon en xogo. Ao longo da sesión afondarase nos beneficios deste xestor documental e farase unha demostración práctica do seu funcionamento. Os destinatarios principais desta actividade son os profesionais da avogacía e da arquitectura e os colexios de formación profesional.
A segunda das sesións servirá para presentar JustBreadSoft, unha solución para a xestión de panaderías e pastelerías, que salienta, en palabras do Centro Demostrador TIC, por fornecer “unha interface sinxela e visualmente atractiva” e que inclúe unha manchea de funcionalidades para facer o seguimento da actividade do negocio desde terminais móbiles, tales como xestionar cobros e pagamentos ou tamén compras e vendas, xerar facturas e optimizar rutas e pedidos. A sesión está concibida sobre todo para responsables de panaderías, pastelerías e obradoiros.
Ambas as solucións serán presentadas pola empresa Unayta, consultora tecnolóxica especializada en comercio electrónico e dixitalización de arquivos. Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. No caso da sesión sobre JustBreadSoft tamén se retransmitirá por streaming, co que as persoas interesadas poderán seguila a través dun dispositivo con conexión a internet desde calquera punto de Galicia.
Unayta presenta Digitaldocu e JustBreadSoft no Centro Demostrador TIC
Compartir Este Artigo
