O Concello de Lugo avanzou esta semana un novo treito do seu carreiro emprendido en materia de Administración Electrónica, entendéndose por esta a transformación integral con ferramentas dixitais do xeito de traballar e de interrelacionarse coa cidadanía dunha entidade pública, neste caso a lucense. A novidade destes días ten que ver coa facturación: dende este luns as facturas dirixidas á entidade local deben ser electrónicas, unha obriga que se recolle na Ordenanza reguladora de Administración Electrónica. Así o indicou a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen sinalou que “a factura electrónica simplificará os trámites ás empresas que prestan servizos e facturan á entidade local e tamén lles fará máis sinxelo o seguimento da tramitación que se seguen nelas”.
Ademais, incidiu, facilitará o trámite para todos os provedores, “axilizando o procedemento, aumentando a transparencia e sendo máis respectuosos co medio ambiente, posto que se elimina o uso do papel”. Ana Prieto tamén fixo reconto do acadado nesta liña dixital ao longo do 2016, lembrando que a posibilidade de presentar con feitura electrónica xa se remonta ao ano pasado, en cuxo transcurso compatibilizouse co xeito tradicional. Deste xeito, en 2016 o Concello recibiu un total de 12.265 facturas electrónicas a través da plataforma habilitada pola Administración Xeral do Estado, un 71% do total, mentres que en papel tiveron entrada no Rexistro Municipal 4.932 facturas. A concelleira tamén sinalou é posible consultar máis información sobre a factura electrónica na web municipal www.lugo.gal, onde está dispoñible un documento explicativo sobre o devandito procedemento.
Lugo aposta integramente pola facturación electrónica
Compartir Este Artigo

