A terceira campaña de Recollida de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) levábase a cabo o pasado mes de xaneiro (do 23 ao 27), inserida no marco do proxecto Green Campus e promovida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta proposta vai á procura de concienciar da importancia do correcto tratamento dos residuos electrónicos, acadando desta volta a recollida de 136 aparellos. E que se atopou entre estes restos recollidos pola Área de Planificación do Campus? Pois 32 cargadores, 15 auriculares, 13 cables, sete ratos e sete teléfonos móbiles, seis altofalantes, cinco impresoras ou catro radios, CPU, monitores, teclados, teléfonos coas súas bases, calculadoras, portátiles, mandos a distancia, microondas, aspiradores, unha televisión, un MP4, un espertador, un xiradiscos, un ferro de pasar, unha depiladora, un lector de CD, un vídeo, unha sandwicheira, un secador ou un espremedor.
A finalidade desta campaña era recoller material do día a día da comunidade universitaria, mais tamén estaba aberta para que se depositara “calquera tipo de aparellos que empreguen electricidade ou baterías”, como explicaba o director da Área de Planificación, Celso Cancela. Os responsables da Oficina de Medio Ambiente da Universidade serán os encargados de trasladar o material a varias empresas de Vigo especializadas para o tratamento axeitado destes residuos.
A xeito de curiosidade, nesta edición o punto de recollida no que se depositaron un maior número de aparellos foi a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cun total de 50 residuos (36,7% do total). Por escolas e facultades, séguelle: Enxeñaría Forestal (9 dispositivos), Fisioterapia (6), Ciencias da Educación e do Deporte (5) e Belas Artes (3).
Emporiso, cómpre dicir que esta campaña non se limitou a estes centros, senón que se situaron caixas de recollida tamén na Escola Infantil do campus, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás. Así, a sede da Vicerreitoría foi onde se depositaron maior número de RAEEs (43) e no Pavillón, un total de 19 aparellos ao longo da semana.
Engadir por último, que a Área de Planificación prevé realizar unha cuarta campaña de recollida destes residuos antes de rematar o curso académico, intre no que a comunidade universitaria “se desfai de todo o acumulado durante o curso”. Segundo a resposta da xente, estas campañas poderían levarse a cabo de xeito periódico no campus.
Bos resultados na nova recollida de material electrónico do Campus de Pontevedra
Compartir Este Artigo

