O encontro mensual dos albaneis da nube chamado LaconNetwork celebrou os seus xa 7 anos de actividade nunha gala na que celebráronse un par de mesas redondas nas que reflexionaron sobre o emprendemento tecnolóxico dende distintos puntos de vista (o dos investidores que deron conta do que buscan para apoiar proxectos e o dos emprendedores que en moitas ocasións teñen que saír de Galicia para poder levar adiante as súas iniciativas), unha charla maxistral do emprendedor en serie Iñaki Arrola (que centrouse en boa medida nos seus fracasos, para ilustrar como é posible aprender dos seus erros, á vez que resaltou que que non todos os proxectos axeitados para a busca de investimento externo), unha entrevista ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde (quen amosou a súa visión do emprendemento en Galicia) e tamén a entrega dos Premios LaconNetwork.
Francisco Conde, que agradeceu aos organizadores a celebración deste acto, afirmou que tanto os premiados como o resto de finalistas dos LaconNetwork representan «a excelencia e a innovación» á que aspira Galicia. Neste sentido, subliñou que as propias empresas TIC camiñan nesa dirección, pois unha de cada catro firmas deste sector que naceron nos últimos tres anos están relacionadas coa I+D+i; ao tempo que lembrou que se trata dun ámbito que está a gañar cada vez máis peso na consolidación da recuperación económica de Galicia, con máis de 2.300 empresas, representando o 1,8% do PIB galego e empregando a máis de 15.000 persoas.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria puxo como exemplo a Toño Escudero, cofundador de Creappcuentos que participou en iniciativas nas que colabora a Xunta, como Vía Vigo e Galicia Open Future, e a quen Conde entregou o premio na categoría LaconNetwork Evanxelizador, que recoñece a implicación do gañador á hora de axudar a tomar conciencia de que en Galicia existe un sector TIC en crecemento que xira ao redor da innovación.

