
Carmela Silva manifestou na presentación da segunda edición do programa que “vivimos nunha sociedade cada vez máis envellecida, que precisa de servizos, plans e programas adaptados ás súas necesidades”. A fío disto, Silva engadiu que Depo en marcha ten “por finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia a través de obradoiros cos que se quere contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade, así como establecer relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia das persoas maiores para evitar o seu illamento e situacións de soidade”.
A través da área En rede, un dos oito bloques temáticos do programa, os participantes coñecerán o funcionamento de Internet, así como do correo electrónico, do teléfono móbil e da informática, tanto a nivel iniciación coma avanzado.
Os máis de 100 obradoiros que oferta a Deputación de Pontevedra van dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia. As entidades interesadas en beneficiarse das accións previstas deberán presentar a solicitude de participación nun prazo de 20 días a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.
A segunda edición de Depo en marcha fornece un bloque específico TIC
Compartir Este Artigo

