A Aula Tecnolóxica do Campus de Pontevera (Universidade de Vigo) presentou os días pasados a súa actividade formativa para os vindeiros meses. Trátase de cinco novos cursos sobre deseño web, creación de portfolios e tratamento de imaxes e vídeo, a desenvolver entre os meses de marzo, abril e maio. Os obradoiros foron dados a coñecer por Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do Campus. Segundo fixo saber, as temáticas foron elixidas logo de falar coa comunidade e ver que materias serían máis relevantes para completar o currículo académico. A idea, sinalou, é axudar a emendar as posibles eivas formativas da comunidade derivadas dun menor número de horas prácticas (Plan Boloña). As sesións formativas levaranse a cabo na Casa das Campás en quenda de tarde.
O profesor Alberto García Ariza será o encargado de impartir dous dos cursos que haberá este cuadrimestre. Por un lado, o de Deseño de páxinas web responsive ou adaptable, unha filosofía de deseño e desenvolvemento que ten por obxectivo adaptar a aparencia das páxinas ao dispositivo que se estea a empregar para visitalas. O curso ser desenvolverá os días 3, 10, 17 e 24 de marzo en catro sesións de tres horas cada unha. García Ariza tamén será o docente do curso de Introdución ao tratamento de imaxes con Photoshop, impartido o 31 de marzo e o 7, 21 e 28 de abril.
Por outra banda, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación José Vicente Novegil impartirá un obradoiro sobre Deseño de portfolio electrónico, unha sorte de catálogo persoal para expoñer e amosar o noso traballo e que, en palabras dos organizadores do curso, é cada vez máis frecuente ver adxunto aos currículos. Serán seis sesións de dúas horas os días 18, 20, 25 e 27 de abril e o 2 e 4 de maio, de 17 a 19 horas.
Aínda con data por determinar está o curso sobre Deseño e retoque de imaxe con software libre, a cargo do profesor Luis Emilio Fernández Santiago e que se distribuirá en catro sesións de tres horas. O último curso, tamén con data a fixar nos vindeiros días, será impartido por Alfonso Merino e versará sobre a Edición de vídeo con DaVinci, un editor profesional gratuíto para cineastas e amantes das gravacións.
Cada curso constará dun total de 12 horas, contará cun límite de 20 prazas e estará aberto tanto á comunidade universitaria como a sociedade en xeral. O prazo de inscrición, a través da plataforma Bubela, abrirase nos próximos días. “A través destas iniciativas apoiamos a formación tanto para aquelas persoas que o precisen para a súa carreira profesional como para as que queiran completar coñecementos”, salienta Morquecho, salientando que “a obriga do Campus de Pontevedra de transmitir os seus coñecementos ao público xeral e a interaccionar coa cidadanía tanto en cursos ou obradoiros como en actividades culturais”.
A Aula Tecnolóxica de Pontevedra prepara cinco obradoiros sobre as múltiples facianas da edición dixital
Compartir Este Artigo

