ImaginBank, o banco móbil de CaixaBank, vén de abrir novos vieiros no ámbito das tecnoloxías financeiras de comunicación cos clientes. E faino, máis polo miúdo, co lanzamento dun chatbot, que como o seu nome indica é un robot con capacidade para “falar” coas persoas empregando a linguaxe natural. Segundo salienta La Caixa, será o primeiro chatbot do ámbito bancario en España. Entre outras cousas, cumpriría funcións de “aconsellador”, situándose preto do que sería a figura dun asesor financeiro. Máis en concreto, os clientes de ImaginBank poderán dialogar co robot para, por exemplo, coñecer que ofertas e promocións teñen á súa disposición e cales lles acaen mellor aos seus intereses e ao seu lugar de residencia.
O novo servizo está dispoñible a través de Facebook Messenger. O chatbot está especializado en proporcionar información e asistencia sobre o uso de ofertas e promocións. O cliente pódelle preguntar directamente (mediante mensaxe escrita ou de voz) que ofertas existen para un determinado ámbito ou un lugar concreto. O robot contesta mostrándolle a selección que se axusta á súa petición e, segundo informan os seus creadores, “mesmo lle suxire continuar a conversa procurando outras posibilidades semellantes que tamén lle poidan interesar”. O chatbot tamén se pode personalizar, xa que ofrece un servizo de notificacións para que o cliente reciba no seu móbil, con periodicidade diaria ou semanal, avisos de novas ofertas clasificadas por temas.
ImaginBank lanza o que sería o primeiro chatbot do ámbito financeiro estatal
Compartir Este Artigo

