O certame Play-Doc, con base en Tui e centrado no cinema documental independente e innovador, vén de darnos a coñecer unha iniciativa dixital para “dar unha nova vida” ao concello pontevedrés e a súa veciñanza. Máis polo miúdo a organización do festival recuperará para a súa vindeira edición (entre o 22 e o 26 de marzo) o que nas súas palabras é un dos seus proxectos “máis emocionantes e de meirande transcendencia”, a película colectiva Ida e Volta, que ten na súa orixe cinco anos de actividade do obradoiro O Retrato Filmado (2009-2013). Este filme colectivo e os seus múltiples “capítulos” das vidas de Tui formarán parte dun espazo en liña interactivo específico. Trátase, máis polo miúdo, dun webdoc, en palabras dos responsables do festival “unha experiencia en liña na que o espectador é tamén protagonista”.
Detrás deste proxecto atópanse, amais dos organizadores do certame, a cineasta Marta Andreu, que foi a encargada de xestionar e coordinar a devandita experiencia fílmica e colectiva, e máis os directores e veciños que participaron na iniciativa, os primeiros filmando anacos de vivencias e os segundos acolléndoos nos seus fogares e convivindo con eles durante os días do festival (cinco edicións).
Play-Doc recupera agora esas cinco películas colectivas para partillalas desde “un novo e orixinal punto de vista”. Será, como dixemos, a través dun webdoc, “unha ferramenta en liña na que o espectador poida viaxar de maneira interactiva e autónoma sobre a historia de cada un dos personaxes retratados, pero tamén a través da experiencia de cada cineasta”, sinalan os impulsores do certame audiovisual de Tui, salientando que este tipo de formatos creativos tiran proveito da “interacción de elementos multimedia, dende vídeo a audio pasando por fotografía, infografía ou textos, para estableceren novos diálogos co espectador e romper os paradigmas tradicionais de creación, produción e difusión”.
E apuntan a maiores: “Nesta modalidade do documental, o espectador asume un rol activo perante a posibilidade de interactuar, navegar e practicamente decidir o guión da historia, achegándose en consecuencia un relato audiovisual non lineal, no cal o contido está fragmentado pola interacción dun usuario ao navegar nunha rede de materiais de distinto tipo”.
A presentación do webdoc en Play-Doc acompañarase dun programa especial no que se proxectarán películas de senlleiros directores como son a checa Helena Trestíková, o brasileiro João Moreira Salles ou o holandés Ed van der Elsken, todas elas retratos cinematográficos nas que “se expoñen interesantes cuestións sobre a relación que se establece entre realizador e protagonista.” Así mesmo, Marta Andreu impartirá un curso co tema do retrato como primeiro aceno documental.
Play-Doc presentará un espazo en liña interactivo sobre o día a día dos habitantes de Tui
Compartir Este Artigo

