A Deputación da Coruña anunciou hoxe a posta en marcha das sedes electrónicas dos concellos de Tordoia e Oza-Cesuras. Estes espazos dixitais municipais, sinalou a entidade provincial, permitirán aos cidadáns e aos traballadores públicos realizar “unha gran cantidade de trámites de maneira sinxela e automatizada, promovendo así o aforro de tempo e custes e un modelo de xestión transparente e eficaz”. As dúas iniciativas foron dadas a coñecer hoxe polo deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro.
O deputado asinou os convenios polos cales a institución provincial comprométese a deseñar e implantar “sedes propias e personalizadas para cada municipio”. Os espazos electrónicos de Tordoia e Oza-Cesuras permitiralles aos veciños cousas como presentar instancias, solicitar licencias, consultar expedientes ou descargar documentos oficiais coma volantes de empadroamento, entre outros moitos trámites. Todo isto será posible co único requirimento de contaren os veciños cun computador en liña e cun certificado electrónico (por exemplo o DNI).
A maiores do devandito, a Deputación creará portais de transparencia para estes dous concellos. Neles achegaranse informacións sobre a estrutura do concello, os salarios dos responsables políticos, os orzamentos e as contas anuais e documentos relativos ás contratacións, plans, proxectos e subvencións.
As sedes de Tordoia e Oza-Cesuras terán os enderezos independentes sede.concellodetordoia.gal e sede.concellodecesuras.es, e estarán inscritos dentro da plataforma da administración electrónica provincial.
Respecto do labor despregado pola Deputación da Coruña neste senso, fornecendo recursos para que os municipios dean o chimpo ao ámbito do goberno electrónico, cómpre informar de que xa hai un total de 80 concellos, amais do Consorcio das Mariñas e o Consorcio Provincial Contra Incendios, subscritos ao convenio marco da institución que preside Valentín González para a creación de sedes electrónicas e portais de transparencia. Este programa, sinala a Deputación, “abrangue todos os procesos esenciais para guiar e axudar aos concellos coruñeses na transformación dixital e garantir a intercomunicación entre todas as administracións locais da provincia”. Ademais, engade a entidade provincial, investíronse 3 millóns en cada exercicio para dar soporte á posta en marcha das sedes electrónicas nos 93 municipios coruñeses.
A Deputación da Coruña impulsa as sedes electrónicas de Tordoia e Oza-Cesuras
Compartir Este Artigo

