Con motivo da celebración do chamado Día dos namorados, dábase a coñecer esta semana nunha rolda de prensa as bases para a quinta edición do concurso Lingua de namorar, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, representadas respectivamente no acto de presentación por Valentín García e Cecilia Vázquez. Trátase da quinta edición dun certame en liña de mensaxes de amor en galego encamiñado á mocidade (14 a 35 anos). Dividirase en dúas categorías de idade: de 14 a 19 e de 20 a 35. As mensaxes participantes deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse na web do concurso e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne.
A data límite para enviar as mensaxes é o 5 de marzo. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 6 ao 10 de marzo.
As mensaxes gañadoras serán elixidas polo xurado do concurso de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes gañadoras publicaranse o 22 de marzo na web do concurso.
En canto a premios, haberá tres por cada categoría. Así: na categoría A (de 14 a 19 anos) o primeiro premio será un smartphone Wiko 5”” Qcore 3, 16 GB; o segundo premio unha cámara instantánea Fujifilm 46×26 MM; e o terceiro premiado recibirá un smartwatch SPC 9616T.
Na categoría B (de 20 a 35 anos), o primeiro premio será unha cámara réflex Canon EOS 1300D, 18 Mp, Full HD, WiFi; o segundo unha tableta Samsung Galaxy Tab A 10,1” Ocore, 16 GB; e o terceiro premio será un smartwatch SPC 9616T.
Na presentación do concurso Lingua de namorar os responsables das políticas Lingüística e Xuvenil da Administración autonómica aproveitaron para informar que xa están a traballar no deseño do primeiro plan da Xunta para a dinamización do uso do galego entre a xente nova.
Ábrese o prazo de Lingua de namorar 2017 para fomentar o uso do galego entre a mocidade
Compartir Este Artigo

