Finalmente celebrouse este mércores 15, no IES Arzebispo Xelmírez I en Santiago, a xornada sobre drons e UAV (vehículos aéreos non tripulados) organizada por GAIN que anunciamos os días pasados dende Código Cero. A sesión, que incluíu relatorios e demostracións con este tipo de aparellos e as súas tecnoloxías complementarias, xirou arredor do proxecto Civil UAV Initiative, a iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para converter o aeródromo das Rozas (Lugo) nun foco de creatividade avanzada arredor deste tipo de máquinas. Na cita no Xelmírez I fíxose fincapé na vertente civil e social do devandito polo das Rozas, moi envorcado na optimización de servizos públicos e na procura de tecnoloxías para velen pola poboación, por infraestruturas e polo noso medio.
A xornada, inserida no Programa Galego de Formación para a Innovación nas Ensinanzas Medias (In.Formate) da GAIN, foi inaugurada pola directora da Área de Programas de GAIN, Pilar Morgade, e o director do Instituto Arzebispo Xelmírez I, Manuel Portas. Deseguido, Antonio Rodríguez, xefe do Departamento de Xestión de Innovación de GAIN, explicou en que consiste o proxecto Civil UAV Initiative e o papel que teñen as universidades e os centros de coñecemento nas áreas de propiedade industrial e innovación e neste proxecto. Segundo fixo saber perante a rapazada do IES Xelmírez I, a iniciativa supón a “creación dun polo innovador no Centro Tecnolóxico Aeronáutico de Rozas (Castro de Rei, Lugo) a través da investigación en drons e os sistemas que se poden instalar neles para solucionar problemas da sociedade actual”. O proxecto, engadiu, conta cun investimento inicial de 150 millóns de euros para os vindeiros cinco anos e o compromiso de permanencia da iniciativa é de quince anos.
Neves Seoane Vieira, técnica do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), foi a encargada de achegar aos alumnos composteláns o traballo do Centro de Investigación INTA-Xunta (CIAR) que se está a desenvolver no Centro Tecnolóxico Aeronáutico de Rozas (Castro de Rei, Lugo), e Jesús Domínguez, profesor de zooloxía da facultade de Bioloxía da USC, explicou a implicación medioambiental da iniciativa.
A directora da Área de Programas de GAIN, Pilar Morgade, pola súa banda, moderou a mesa redonda Orientación profesional cara a excelencia na que participaron o biólogo e profesor da USC Jesús Domínguez; o xefe do Departamento de Xestión de Innovación de GAIN e doutor en Enxeñaría Antonio Rodríguez; a técnica do INTA e licenciada en Física Neves Seoane; a directora da axencia Equipo Comunicación; e o filólogo Manuel París. Ao remate da xornada fornecéuselle ao alumnado do centro unha demostración de UAV para fins civís e deportivos nas instalacións exteriores do instituto. A sesión estivo dirixida por Alain Sánchez Pistonit de Tabano FPV Team.
O alumnado do IES Xelmírez I de Santiago púxose ao tanto das posibilidades dos UAV
Compartir Este Artigo

