Open-Ideas, referencial axencia tecnolóxica e de comunicación en liña, vén de abrir sede na nosa terra, máis polo miúdo na Coruña. E faino, nas súas palabras, “atraída polo crecemento internacional da economía galega” e, tamén, seguindo o ronsel de diferentes compañías do sector TIC interesadas en colaborar con start-ups e PEME da nosa terra para “diminuír a fenda dixital empresarial” e afianzar a actividade arredor do comercio electrónico. Open-Ideas, que en 2013 foi seleccionada por Microsoft como nova firma innovadora de alto potencial, xa colaborou en distintos proxectos en Galicia con diversas entidades, como por exemplo coa Deputación de Pontevedra, co operador R ou coa Escola de Finanzas en Oleiros. Agora establece sede permanente na nosa terra e converterase en socio da Cámara de Comercio da Coruña.
Segundo explica Leonard Pera, director xeral da firma, “a exportación de mercadorías en Galicia atópase en plena fase de espallamento, e o seu crecemento supera a media estatal, e o mesmo acontece coas vendas en liña”. De feito, explica, entre xaneiro e novembro do ano pasado, a exportación de mercadorías acadou os 18.457,92 millóns de euros, un 6,11% máis que no mesmo período de 2015. Con respecto das vendas en liña, Pera engade que en 2015 Galicia superou a media estatal, e unha de cada 5 empresas de 10 ou máis traballadores venderon por Internet, segundo se desprende de datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, OSIMGA.
En resumo, explica o director xeral da empresa, a nosa terra atesoura “un gran potencial económico e tecnolóxico”, pero se cadra é preciso avanzar un algo no ámbito da dixitalización e na valoración que se ten das innovacións tecnolóxicas. Segundo lembra a empresa, o INE situou recentemente ás empresas de Galicia á cola na implantación de computadores e Internet: preto da metade delas non dispoñen de conexión a internet nin computador.
Open-Ideas abre sede en Galicia
Compartir Este Artigo

