O IGAPE e a AMTEGA organizan un ciclo e webinars para difundir os servizos que ofrecen os programas ReAcciona e ReAcciona TIC, cuxas vixentes convocatorias están abertas ata o día 28 de febreiro. Serán en total 7 seminarios web que se celebrarán os venres de cada semana en horario de 9:30 a 10:30 horas. Estes webinars mostrarán as vantaxes dos diferentes servizos que ambos programas ofrecen ás PEME, como a xestión por procesos, a xeración de modelos e simulación industrial, as aplicacións de solucións de mobilidade ou a optimización financeira, entre outras, da man dos propios axentes prestadores dos servizos.
Os seminarios previstos seguirán todos a mesma estrutura: tras unha breve introdución, falarase dos servizos do webinar correspondente a ese día e finalizarán cunha rolda de preguntas e debate. As xornadas están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos en empresas de todos os sectores (xerencia, compras, produción ou finanzas, entre outros).
Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico comunicacion@reacciona.igape.es ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).
Calendario das presentacións:
– 24 de febreiro. Coñece a posición competitiva da túa PEME e as súas necesidades dixitais.
– 3 de marzo. Como vender máis? Ferramentas de marketing para incrementar as vendas
– 10 de marzo. A dixitalización como clave para a mellora da xestión na PEME
– 17 de marzo. Está a túa empresa preparada para o futuro? Plans e tendencias
– 24 de marzo. A industria 4.0 e o seu impacto no ámbito da cadea loxística
– 31 de marzo. A filosofía Lean e os seus beneficios para reducir custos na cadea de subministración
– 7 de abril. Incrementa a competitividade da túa PEME cos ecosistemas de colaboración

