A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense cumpre este curso académico 25 anos de historia e para conmemoralo, tal e como avanzamos onte dende Código Cero, organiza o ciclo de conferencias #TalentoESEI. Neste ciclo falarán antigas alumnas e alumnos do Centro amosando as posibilidades que se lles abriron coa súa elección de ensino e, tamén, a andaina percorrida dende o remate da carreira. A primeira das intervencións tivo lugar este xoves a cargo do ourensán Jorge Vázquez, fundador, presidente e director executivo de firma TIC Redegal.
Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, foi o encargado de presentar este programa de relatorios dirixido a visualizar “o talento saído das aulas deste centro ao longo dos seu cuarto de século de historia”. Segundo fixo saber, o esforzo realizado polas persoas que ao longo deste tempo participaron no desenvolvemento do centro permite hoxe en día “contar cunha escola punteira” na que se imparte un grao de Enxeñaría Informática, un dobre grao en Enxeñaría Informática e Administración e Dirección Empresas e un Máster Universitario en Enxeñaría Informática e na que “cada día móvese unha comunidade universitaria formada por arredor de 600 persoas entre alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos”.
Durante a súa intervención, Jorge Vázquez repasou a súa traxectoria profesional desde que en 2002 rematou os seus estudos na Escola Superior de Enxeñaría Informática e, pouco máis tarde, comezou a súa andaina laboral como traballador independente para compañías multinacionais, ata que en 2004 tomou a decisión de artellar unha iniciativa de de seu. Os inicios, sinalou, foron “difíciles” e consistiron, basicamente, no desenvolvemento de pequenas páxinas web e no subministro de servizos de microinformática ás empresas ourensás. A base de “adicación e constancia”, engadiu, Redegal conta arestora con 74 persoas, 49 delas en Ourense e Vigo e o resto en diferentes puntos da xeografía estatal; unha facturación que en 2016 ascendeu a 3,4 millóns de euros e unha carteira de servizos centrada no mercadotecnia dixital e no desenvolvemento tanto de aplicacións móbiles como de plataformas de comercio electrónico.
Aos estudantes presentes no acto animounos a aproveitar o seu paso pola Universidade. Ademais, salientou a necesidade de fomentar as vocacións no eido tecnolóxico entre as mulleres, poñendo o foco sobre o escaso número de mozas que estudan na actualidade Enxeñaría Informática e as repercusións negativas que iso vai ter para o propio ámbito profesional TIC (que precisa da súa presenza para dar o mellor de si) e para a sociedade en xeral.
A ESEI de Ourense conmemora 25 anos de historia co arrinque dos relatorios #TalentoESEI
Compartir Este Artigo

