A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza o 7 de marzo, en horario de 9:30 a 13:00 horas, a presentación da terceira edición do Programa CeMIT-Innova. A cita, que será no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, vai destinada a representantes dos nosos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e profesionais da confluencia entre novas tecnoloxías e solidariedade (innovación social dixital). A asistencia ao evento é de balde e poderá formalizarse a través da web de CeMIT. A finalidade da xuntanza é debullar o roteiro da terceira edición do devandito programa, achegada baixo o seguinte epígrafe: Facendo que as cousas ocorran. Nela, sinala AMTEGA, “abrirase a porta á participación dos 92 municipios que contan con 98 aulas CeMIT e aos seus aliados dixitais locais”.
Como lembraremos, o Programa CeMIT-Innova está inserido no Plan de Inclusión Dixital de Galicia e encamíñase a impulsar proxectos colaborativos de alicerce tecnolóxico a través da rede de aulas CeMIT. O obxectivo: superar en colectividade desafíos sociais das nosas contornas locais.
O encontro, que será inaugurado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira e o presidente da FEGAMP, Alfredo García, comezará coa proxección dun vídeo que resumirá as experiencias desenvolvidas durante os anos anteriores contadas polos seus protagonistas, con proxectos en eidos como a inclusión, o fomento da igualdade de oportunidades para todas as persoas, a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, a riqueza económica e cultural das zonas rurais e a mellora da empregabilidade.
A continuación, celebrarase unha mesa de experiencias, compartida entre os Concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume, os cales exporán todo o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos de innovación social dixital locais durante o pasado ano. Con estes exemplos achegarase aos asistentes ao concepto de Innovación Social Dixital e convidarase á participación a través de novos proxectos piloto a desenvolver ao longo do 2017.
O programa da xornada completarase coa participación como relator de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo. Ao longo da súa traxectoria profesional foi director de innovación do grupo Barrabés e socio fundador de Barrabés Next.
AMTEGA presenta o 7 de marzo a nova edición do seu programa de innovación social dixital, CeMIT-Innova
Compartir Este Artigo

