A plataforma en liña de Phottic, o proxecto de memoria dixital nacido de Abertal Networks (hoxe en día operando como start-up), medra a pasos de xigante. Segundo nos conta Manuel Pan, o xerente de Abertal, a páxina web suma xa máis de 15.000 fotografías da nosa terra. Isto que significa? Pois que as galegas, os galegos e todos os internautas do mundo temos ao noso alcance na Internet 15.000 xanelas, como máquinas do tempo, para ver a nosa historia. En definitiva, trátase do noso pasado rescatado grazas ao traballo de veciños, asociacións, entidades e concellos. Esta colección de imaxes recibiu os días pasados unha achega moi relevante dende os puntos de vista cualitativo e cuantitativo: máis de 500 fotografías (ata o de agora) das xentes de Navia de Suarna. Podemos velo en Navia: lembranzas con futuro.
Neste importante traballo de posta en valor da historia persoal e colectiva de Navia colaborou arreo a comunidade escolar do CPEI Plurilingüe Doutor Daniel Monje.
Ademais, entre os concellos que están a traballar na actualidade recuperando o seu pasado a través da imaxe colectiva atópanse Fene, O Vicedo, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Celanova, As Pontes, Maceda, Arteixo, Carballo ou Vilagarcía (a través do incansable labor de O Faiado da Memoria). Segundo explican os impulsores de Phottic, en todos estes concellos está a rexistrarse un elevado nivel de participación veciñal, con todo o compoñente de dinamización social e tecnolóxica que isto implica, ao que cómpre engadir as cruciais contribucións da Asociación de Padres de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (ASPABER), das coleccións Mar de Paixón: Fútbol na Costa da Morte ou Mar de Invernía, do rexistro de músicos galegos de Bieito Romero ou de clubs como o Deportivo da Coruña, que contan cun gran número de seareiros, incrementando cada pouco un arquivo gráfico de por si ben relevante.
Navia de Suarna
Como dixemos, a colección fotográfica Navia, lembranzas con futuro, realizada pola comunidade escolar do CPI Plurilingüe Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna, pódese gozar xa en Phottic.com, achegándose unha xanela múltiple á historia deste concello lugués a través de máis de 500 imaxes. A colección, que se prevé vaia medrando en datas vindeiras, fornece unha manchea de fotografías dos intres cotiáns dos naviegos e permite coñecer como se relacionaban as súas xentes, cales eran os seus costumes, as súas festas ou os seus traballos. A idea é rexistrar e amosar preto de 2.000 instantáneas (que son as que foron recollidas e documentadas hai uns anos polos profesores e alumnos do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, para recuperar a súa intrahistoria e que foran editadas nos libros Unha imaxe…mil recordos e Unha historia para o futuro).
A respecto deste importante traballo de dinamización local, o director do devandito centro educativo de Navia, Francisco Trashorras, trasladoulles aos responsables de Phottic “a súa satisfacción polas novas oportunidades que se abren para difundir esta colección”. Trashorras tamén fixo un chamamento “para que todos aqueles que teñan algún deses documentos gráficos os acheguen a estes álbums que queremos compartir con todos”, en boa medida “porque temos que ser conscientes de que debemos conservar este patrimonio fotográfico aproveitando os medios dixitais que se nos brindan, xa que a nosa memoria é moi fráxil e sabemos das limitacións propias do soporte papel das fotografías”.
O cadro directivo do CPI de Navia tamén fixo público o seu agradecemento a todos os naviegos e naviegas que “colaboraron desinteresadamente neste traballo de compilación fotográfica e que tiveron o coidado impagable de conservar estes documentos gráficos xa que grazas a eles as novas xeracións poden coñecer mellor as súas orixes”.
Phottic, páxina de referencia para coleccións fotográficas
Phottic.com é unha plataforma global, de uso gratuíto, para a xestión documental do patrimonio fotográfico. De recente creación e orixe galega, a empresa recupera as historias do mundo, a través da fotografía, converténdose, nas súas palabras, “nunha páxina de referencia para calquera usuario que desexe ordenar coleccións fotográficas”. Ademais, informan os impulsores da plataforma, “o seu deseño consegue que o traballo de recollida non se perda no time-line das redes sociais”. Os promotores da iniciativa empresarial explican tamén que a súa web permite clasificar, ordenar, datar, e xeolocalizar imaxes, pero, “o que é moito máis importante”, documentar ditas fotografías e compartir ese coñecemento co resto do mundo, virtualmente, “evitando que se perda a nosa memoria social e creando un importante patrimonio cultural”. Asemade, salientan que as posibilidades de difusión e divulgación das fotografías históricas das entidades que colaboran increméntanse de maneira exponencial en virtude do fluxo da súa comunidade online, que conta xa con máis de 50.000 seareiros de todo o mundo.
