Os días pasados celebrouse en Madrid unha xornada sobre innovación e administración. Foi a quinta edición do Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos, organizado pola Federación Española de Municipios e Provincias. No congreso, que avaliou a transformación dixital das institucións públicas, houbo participación galega. Máis polo miúdo a do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que participou na primeira das xornadas, moderando a mesa de debate sobre as iniciativas que se están a levar cabo para impulsar esta conversión do analóxico e o tradicional cara ao electrónico, o transparente, o eficaz e o participativo.
Na súa opinión, “as administracións locais deben ser promotoras da súa propia actualización e do desenvolvemento dos seus territorios”, sendo un dos grandes retos destas administracións “a resistencia ao cambio, a falla de coñecementos especializados e o investimento económico”.
Vázquez Abad, en calidade de presidente da Comisión de Modernización, Participación Cidadá e Calidade da FEMP, puxo a disposición das entidades locais dous proxectos para facilitar e mellorar a calidade dos servizos públicos a través de iniciativas que buscan “facilitar de forma xeral a toma de decisións e a acción de conxunto”.
A primeira é a Ordenanza de Procedemento Electrónico Común, presentada por Víctor Almonacid, secretario xeral do Concello de Alzira, e Borja Colón de Carvajal, xefe de servizo de Administración e Innovación Pública da Deputación de Castellón. A segunda, a edición de libros de estudo e de traballo para a Transformación Dixital, a cargo de Virginia Moreno, directora xeral da Área Novas Tecnoloxías e Innovación do Concello de Leganés, e de Víctor Solla, director xeral de Tecnoloxías da Información e da Comunicación do Principado de Asturias.
O alcalde de Ourense participou no congreso de eAdministración da FEMP
Compartir Este Artigo

