A quedada informática do Campus de Ourense, a xuntanza Technium, celebrarase este ano entre 4 e o 7 de maio. Así o deron a coñecer hoxe os seus organizadores en rolda de prensa, facendo saber, a maiores, que a quedada vaise incorporar este ano á programación da Ourense ICC Week 2017, punto de encontro das industrias culturais e creativas. Na presentación concorreron, por unha banda, a Deputación de Ourense (organizadora de ICC Week, que vai pola súa terceira edición) e, pola outra, membros da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática, organizadora de Technium xunto coa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e a Vicerreitoría. Segundo engadiron, a party pasará este ano a denominarse ICC Technium. Desenvolverase no Pavillón de Deportes Universitario.
Tanto Juan Rivas e Manuel Araújo, coordinadores da quedada presentes na rolda de prensa, como Manuel Baltar, presidente da Deputación, coincidiron en cualificar o evento como “un grande encontro de lecer dixital que reunirá no Pavillón de Deportes do Campus de Ourense a centos de mozos e mozas cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos”. A organización agarda reunir nesta cita a medio milleiro de participantes procedentes da xeografía galega e estatal.
Tamén explicaron que, como en anos anteriores, a actividade na quedada desenvolverase de xeito ininterrompido ao longo das 24 horas dos días de celebración, habilitándose zonas de descanso, de lecer e recreo con diferentes actividades. Respecto das achegas técnicas, sinalaron que as persoas que se acheguen cos seus ordenadores terán conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e Internet. Por contidos, celebraranse torneos das princpais prácticas deportivas en liña (eSports), por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios. A inscrición poderá realizarse a partir do vindeiro 8 de marzo a través da páxina web da ICC Week 2017.
A edición 2017 da Technium Party de Ourense celebrarase do 4 ao 7 de maio
Compartir Este Artigo

