Máis de medio cento de mozas e mozos lucenses comezan estes días os cursos da nova edición de LugoWork, o programa da Deputación para fomentar o emprego xuvenil na provincia, dotado con 2 millóns de euros. Para achegar o arrinque oficial das accións formativas, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, reuníronse no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) cos 15 mozos desempregados que iniciaron precisamente hoxe o curso Auxiliar de vendas online e offline e atención ao público. Este non será o único obradoiro relacionado coas TIC de Lugowork: o programa inclúe tamén un curso intensivo sobre xestión informática e uso de Internet para PEME.
En total, serán 55 as mozas e mozos desempregadas/os que van comezar estes días os catro primeiros cursos do plan, recibindo 1.015 horas de ensino sobre profesións detectadas como nichos de emprego potenciais na provincia, nichos entre os que se atopan o de especialista en comercio electrónico e o de xestor TIC para pequenas e medianas empresas. Unha vez rematada a fase formativa, os participantes que rematen con éxito a dita etapa terán a posibilidade de seren contratados en empresas da provincia, seleccionadas nun proceso público, durante 6 meses. O Executivo Provincial custeará con axudas de 5.000 euros por traballador os seus custos laborais.
Entre as catro devanditas accións atópase como dixemos o Curso de auxiliar de vendas online e offline. A través deste obradoiro, forneceranse habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas na Rede e fóra da Rede. Noutra das accións (Curso de auxiliar de xestión informática e Internet para PEME), os alumnos recibirán coñecemento para desenvolver un amplo abano de tarefas relacionadas coas TIC nunha PEME. Entre as actividades a desenvolver inclúense as de mantemento básico dunha rede informática, da imaxe corporativa en Internet, das relacións en redes sociais da empresa colaborando co resto de persoal ou a xestión de datos da mesma.
A Deputación de Lugo comeza a formar nas TIC á mocidade participante de Lugowork
Compartir Este Artigo

