O Concello de Lalín vén de anunciar a implantación definitiva do seu proxecto de Administración Electrónica. Hoxe mesmo, sen ir máis lonxe, o persoal dos diferentes servizos municipais comezou as sesións formativas e de auditoría para afacerse ás novas ferramentas (co fin de afrontar da maneira máis axeitada a posta en marcha dos sistemas dixitais integrais en todos os elos da cadea de xestión pública local). Segundo informa o Concello, o proxecto está xa moi avanzado, na derradeira fase de instalación da iniciativa propia de eAdministración. Tanto é así, que este xoves comezarase a traballar coa plataforma dixital no Rexistro Xeral.
Segundo sinalou o concelleiro Tomás Vilariño, “a instalación deste novo modelo de xestión suporá un fito histórico que provocará cambios na forma de traballar e de relacionarnos coa cidadanía e un avance imprescindible cara o futuro que faremos realidade”.
A implantación deste modelo administrativo lévase a cabo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, baixo a aplicación na Administración local da ferramenta Xestiona, que pertence á empresa Espúblico, cuxos técnicos, precisamente, comezaron na mañá de hoxe a impartir entre os traballadores e traballadoras municipais as consultorías e sesións formativas precisas para a adaptación “a un novo modelo de relación coa cidadanía”.
Ás 08.30 horas deu comezo na Biblioteca Municipal Varela Jácome unha charla de presentación da aplicación á que asistiu todo o corpo de empregados municipais. A continuación iniciáronse na sala de prensa do consistorio as auditorías específicas destinadas aos diferentes departamentos que se estenderán ata pasado mañá.
Nas sesións de hoxe participou o persoal de secretaría, asesoría xurídica, obras, rural, urbanismo, informática, turismo e alcaldía, mentres que nos vindeiros días están convocados os departamentos de intervención, policía e protección civil, tesourería, contratación, xuventude, medio ambiente, deportes, auditorio, servizos sociais e CIM, emprego, biblioteca e cultura. Segundo informa o Concello, está previsto que logo de comezar este xoves o traballo coa aplicación Xestiona no Rexistro Xeral, acométase en días sucesivos a ampliación da ferramenta aos diferentes servizos municipais ata acadar a súa integración completa. Durante este proceso de adaptación, o Concello anunciou que contará cos servizos dos consultores da empresa encargada da aplicación.
Tomás Vilariño, a respecto de todo o devandito, salientou “a importancia da adquisición de formación por parte dos empregados públicos, posto que este sistema requirirá de cambios moi importantes e complexos aos que os traballadores municipais deberán adaptarse”. A incorporación destas ferramentas de goberno dixital, destacou, permitirá pór en marcha servizos avanzados de xestión, tales como unha sede electrónica de servizo aos cidadáns ou demais sistemas de trámite e consulta a través da Rede, como pode ser a tramitación en liña de expedientes e demais documentación. “Este servizo”, tal e como apuntou o concelleiro, “é moi completo e permitirá dar saída a unha das propostas do Goberno de Lalín, aforrándolle ademais diñeiro ao Concello”. Vilariño valorou moi positivamente esta iniciativa e lembrou que “tamén precisará dun cambio de filosofía por parte da cidadanía”.
Lalín afronta a implantación definitiva do seu proxecto de eAdministración
Compartir Este Artigo

