
Segundo lembra a entidade ao conto dos porqués da campaña, o xornalismo non é alleo á discriminación patriarcal, e isto maniféstase en múltiples aspectos, dende fendas salariais de xénero ata acoso e violencia ás comunicadoras. A isto cómpre engadir a “invisibilidade das mulleres”, que deixou no esquecemento o labor e a herdanza de moitas xornalistas. A páxina web do CPXG, precisamente, está a servir estes días para inverter na medida do posible este proceso de ocultación que se remonta aos comezos mesmos da profesión xornalística tal e como a coñecemos (como por exemplo o caso da profesional galega Sofía Casanova, que entrevistou ao revolucionario Trotsky en 1917, sen que case ninguén tivese hoxe en día constancia deste feito).
Ademais, o Colexio de Xornalistas está a compartir estes días, coa etiqueta #IgualdadeDePrensa, os nomes, as imaxes e as historias de mulleres que contribuíron de maneira central ao desenvolvemento do xornalismo, como símbolo para reivindicar a igualdade plena de mulleres e homes nos medios. Nomes como por exemplo o de Gerda Taro, pioneira do fotoxornalismo de guerra, ou o de María Luz Morales, que en 1936 pasou de ser a única muller da redacción de La Vanguardia á primeira directora dun xornal en España.
O CPXG fai un chamamento nas redes sociais a prol das mulleres xornalistas
Compartir Este Artigo

