O programa Memoria en Rede que promove a Concellería de Novas Tecnoloxías de Pontevedra, do que xa temos falado en Código Cero para salientar a súa vontade de recuperar a historia da cidade e a súa contorna a través das testemuñas dos maiores (ao tempo que de traballa na súa alfabetización dixital), achegou esta semana dúas novidades ao abeiro da súa terceira edición. Máis polo miúdo, trátase de dous obradoiros TIC destinados a asentar na iniciativa os máis firmes alicerces e garantir os máis óptimos resultados en divulgación tecnolóxica e repercusión de Memoria en Rede. Os obradoiros, que foron dados a coñecer polo concelleiro Alberto Oubiña, extráense da bagaxe xerada nas primeiras experiencias desenvolvidas nas parroquias de Mourense e Lérez.
Estes son os cursos a desenvolver:
· Cursos base, dirixidos a persoas con ningunha ou escasas habilidades no uso das novas
tecnoloxías. Impartiranse nas parroquias de Lerez (Casa da Cultura) e Alba (Local Social da Devesa). Teñen unha duración de 8 semanas, cunha cadencia de dous días á semana, dúas horas ao día. Desenvolveranse os luns e os mércores, en Lérez con horario de 16.00 a 18.00 horas, e en Alba con horario de 18.45 a 20.45 horas.
· Cursos superior, deseñados para traballar na Memoria en Rede. Dirixidos a persoas que
teñen certo coñecemento do uso das novas tecnoloxías e que están en disposición de
colaborar dun xeito activo no blog Memoria en Rede nado como ferramenta de
conservación da memoria colectiva. Desenvolveranse na Casazul do Concello. Duración, 8 semanas, os venres, con horario de 18.30 a 21.00 horas.
Sobre Memoria en Rede
Segundo lembra o Concello, o programa naceu coa idea de conectar dous mundos que, en principio, “non teñen nada que ver”. Por unha banda o futuro e o presente no que estamos, coas novas tecnoloxías como eixo central e fío condutor e, por outra, “a recuperación do que poderíamos chamar memoria”. Memoria en sentido amplo: historias, lendas, vivencias, vidas… Emporiso, recorda o Concello, para chegar ao fin desta proposta é preciso “contar coa axuda dos nosos maiores” e ter en conta que non son nativos dixitais, que teñen estas tecnoloxías como algo alleo e en moitas ocasións, que lles xera rexeitamento e aversión.
O programa Memoria en Rede de Pontevedra reformúlase con obradoiros para os maiores
Compartir Este Artigo

