Tal e como estaba programado e tal e como anunciamos dende Código Cero hai agora unha semana, o Concello de Lalín comezou xa a súa incursión definitiva e integral no “terreo” da Administración Electrónica, arrincando o proceso no Rexistro Xeral e abranguendo os días vindeiros a incorporación dos departamentos de Secretaría, Intervención e Urbanismo. A base destes traballos de dixitalización é a ferramenta Xestiona, que pertence á empresa Espúblico e cuxo emprego e aplicación veu acompañado de sesións formativas e consultorías para os traballadores municipais, co fin de axudalos a adaptarse “a un novo modelo de relación coa cidadanía”. O labor de integración de Xestiona comezou da “man” do seu módulo de entrada e saída, o que posibilitou que se traballase, xa, cos primeiros rexistros dixitais da nova plataforma. “Estamos ante unha xornada histórica, a do primeiro día da eAdministración no Concello de Lalín”, sinalou o pasado venres 10 o concelleiro Tomás Vilariño.
Segundo engadiu, paseniño pero sen pausa o proceso abranguerá os diferentes departamos aos que irá chegando toda a documentación tramitada no Rexistro. De maneira paralela, os funcionarios locais continuarán recibindo formación. Finalmente Vilariño fixo fincapé nos “importantes e complexos cambios que implicará este proceso no ámbito das relacións entre os administrados e a administración e que precisarán dun cambio de filosofía tanto por parte dos empregados municipais como por parte da cidadanía”. Segundo engadiu, “a eAdministración permitirá pór en marcha servizos de xestión electrónica, tales como unha sede electrónica de servizo aos cidadáns ou demais sistemas de trámite e consulta a través da rede, como pode ser a xestión en liña de expedientes e demais documentación sen necesidade de acudir ao consistorio”.
O Rexistro de Lalín comeza a traballar en clave dixital
Compartir Este Artigo

