
A investigación, que forma parte do traballo da rede galega de investigación XESCOM, exemplifica as devanditas transformacións atendendo a cousas concretas como os comicios xerais de Estados Unidos, acabados de celebrar, e os acontecidos hai catro anos. “Daquela”, sinala o profesor Rúas, “na segunda toma de posesión de Obama, a televisión seguía a ser o medio dominante, mentres que na toma de posesión de Trump, o tema central era a loita entre Facebook e Twitter por retransmitir o acontecemento vía streaming”. Un dos fíos temáticos da investigación é, polo tanto, como afectan as TIC e as redes sociais ao tecido comunicativo actual.
O volume, que reúne as achegas de 118 autores de 31 universidades españolas, portuguesas, inglesas e ecuatorianas, foi coordinado polo profesor Rúas xunto cos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Campos e Xosé López e o investigador da Universidade da Coruña Valentín Alejandro Martínez, dentro dos traballos da rede Xescom, que coordina López, do grupo Novos Medios da USC.
Estruturado en seis apartados, o libro reúne un total de 66 artigos sobre novos medios na era dixital, xornalismo e ciberxornalismo, sector audiovisual, comunicación corporativa e institucional, mercadotecnia e publicidade; internet e redes sociais e novos medios e metamedios. No seu desenvolvemento participaron, entre outros, investigadores da Universidade de Vigo como o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza e a profesora Emma Rodríguez, que analizan se unha empresa ten ou non dereito a inspeccionar as comunicacións do seu persoal; ou as profesoras Montse Vázquez e Ana Belén Fernández Souto, que abordan o papel dos medios dixitais para facer do deporte un elemento de apreciación das cidades.
Mabel Míguez, Alberto Dafonte e Iván Puentes, pola súa banda, analizan a incidencia das redes sociais académicas nun volume no que Blanca Piñeiro e Aurora García inciden na evolución da “web semántica á webs intelixente” e no que tamén participan investigadores e doutoras e doutores pola Universidade como Esperanza Pouso, Diego Rodríguez, Yolanda Domínguez, Jessica Fernández, Verónica Crespo, Lorena Arévalo ou Carla López.
O profesor Rúas, pola súa banda, afonda nos avances que se teñen producido nas últimas décadas no estudo das emocións que provoca a comunicación, da man de diferentes métodos de medición, como por exemplo eye-tracking, dispositivo que permite coñecer en que puntos dunha imaxe fixan a atención as persoas. Segundo engade, o obxectivo é asociar os cambios na tecnoloxía que implican cambios na estrutura mental.
A rede XESCOM pon de manifesto o preponderante papel mediático actual de Facebook e Twitter
Compartir Este Artigo

