Hispasat, o operador español de satélites de telecomunicacións, puxo en marcha o proxecto Conéctate co obxectivo de colaborar na redución da fenda dixital mediante a utilización do satélite para levar conectividade de banda ancha a zonas remotas ou despoboadas de España onde non hai acceso a Internet ou é de baixa calidade. Neste marco, Hispasat lanza o concurso #enREDatupueblo, co compromiso de garantir o acceso gratuíto a Internet vía satélite de 30 Mbps durante un ano na vila gañadora.
O concurso está dirixido a municipios ou entidades singulares de poboación españolas de menos de 500 habitantes sen ningún acceso a Internet ou con acceso de mala calidade, e nel poderá presentar a candidatura da súa vila calquera cidadán, asociación ou entidade da localidade sempre que veña avalada polo seu concello. Dado que o premio da conexión por satélite gozarase de xeito colectivo, valorarase positivamente que as candidaturas estean apoiadas polo maior número posible de veciños e organizacións locais.
Para concursar, os participantes deberán expresar de xeito creativa os beneficios que suporía a chegada da Internet ás súas vilas. Para iso, poden enviar pezas de calquera índole e formato, en versión analóxica ou dixital (fotografías, vídeos, cancións, narracións orais ou escritas, etc.), que recollan exemplos diversos de melloras que esta conectividade podería orixinar en distintos aspectos da vida do municipio: saúde, educación, cultura, negocios, comunicación ou vida persoal, entre outros. A localidade gañadora do concurso gozará de conexión por satélite durante un ano de forma gratuíta para os seus habitantes, fogares e negocios, ademais da instalación e a posta a punto da mesma.
Os traballos poderán presentarse ata o 30 de abril. Un comité de selección elixirá os tres finalistas, que se darán a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día Internacional da internet. A partir desa data e ata o 27 de maio, os usuarios das redes sociais e os visitantes da web do proxecto Conéctate poderán votar ao pobo gañador. O fallo definitivo farase público o 29 de maio.
Vídeo promocional do concurso #enREDatupueblo

