Unha das cousas boas das aplicacións, a información masiva (Big Data) e a intelixencia artificial é que chegan a todos os recantos, mesmo á neve. Na celebración dos Campionatos do mundo de FreestyleSki e Snowboard desenvolvidos en Serra Nevada (Granada) púidose ver un aquel de tecnoloxías aplicadas ao seguimento de persoas e infraestruturas en contextos de frío extremo e de alta montaña, facéndose fincapé en como mellorar as experiencias desas persoas e, tamén, desas infraestruturas. Por exemplo o estudo analítico presentado por Synergic Partners, empresa do Grupo Telefónica, sobre as posibilidades da información inxente (Big Data) para mellorar a experiencia dos esquiadores en Serra Nevada.
O proxecto permitiu explorar o comportamento dos usuarios da estación de esquí co obxectivo, nas súas palabras, de fornecelos dunha mellor experiencia e propostas personalizadas, así como mellorar a eficiencia operativa da estación invernal.
Para o desenvolvemento da iniciativa, avaliáronse cousas como o perfil do deportista, os patróns de compra de abonos de esquí, a idade, a procedencia, a frecuencia de uso dos remontadores ou o tempo total das estadías dos usuarios nas estacións, entre outras variables.
Segundo sinalou a filial de Telefónica, o estudo das actividades dos deportistas durante dous meses achega información de abondo como para predicir como se comportarán os usuarios das estacións en datas vindeiras, o que ten un gran potencial de cara realizar recomendacións personalizadas que poden mellorar enormemente a experiencia do usuario. En palabras de Synergic Partners, estamos ante un exemplo máis de como a análise da información inxente xerada pola xente pode ser un elemento clave para potenciar os resultados de calquera perfil de empresa.
A partir do seu estudo, Telefónica e Synergic Partners presentaron tamén unha nova caracterización dos usuarios a partir do seu nivel de experiencia e a identificación de patróns de uso nos remontes da estación de esquí, permitindo coñecer o perfil dos usuarios e o emprego das pistas de Serra Nevada. E todo isto “co obxectivo de realizar propostas personalizadas que se axusten ás necesidades de cada esquiador”. Tamén se presentaron novidades que podería incorporar a estación andaluza como servizo, por exemplo ver a tempo real a ocupación de todas as pistas ou as ringleiras de espera nos distintos remontadores. Ou, tamén, xerar recomendacións personalizadas para cada un dos usuarios en función do seu perfil.
Telefónica optimizará as estadías dos esquiadores en Serra Nevada con análises de información masiva
Compartir Este Artigo

