Prosegue a incorporación de concellos galegos á Administración Electrónica. A semana pasada, sen ir máis lonxe, foi a quenda de Nigrán, da man das tecnoloxías de gobernabilidade postas en xogo pola empresa da nosa terra Imatia. Segundo reflicte esta firma, grazas aos traballos desenvolvidos os cidadáns poden realizar unha serie de trámites de forma en liña, “sen horarios nin desprazamentos”, grazas á implantación da sede electrónica desenvolvida por Imatia, unha sede que ten sitio de seu, sede.nigran.org, e que xa permite levar a cabo diferentes procedementos. Como por exemplo o envío en liña de solicitudes de servizos, a consulta do estado de tramitación dos expedientes abertos ou a descarga de documentos oficiais.
Ademais, a estes servizos iranse incorporando de maneira progresiva novas funcionalidades “co obxectivo de reforzar a utilidade da ferramenta de comunicación entre o Concello e os seus cidadáns”. Na presentación da sede, o alcalde de Nigrán, Juan González, salientou a importancia da iniciativa para a cidadanía de Nigrán e para os traballadores da propia administración local, unha iniciativa que “comezou hai anos coa dixitalización dos procedementos de uso máis habitual, en áreas como urbanismo, contratación, recadación, persoal, policía, medio ambiente, etc”.
O Concello de Nigrán estrea sede electrónica
Compartir Este Artigo

