O Concello de Ordes complementou onte con datos propios a información previamente dada por R e AMTEGA sobre as actuacións previstas para os polígonos da provincia que aínda non contan con redes ultrarrápidas de conexión a Internet (actuacións abeiradas ao Plan de Banda Larga do Goberno galego). O Concello sinalou que precisamente en virtude destas actuacións, o seu parque empresarial de Merelle xa dispón de cobertura avanzada con fibra óptica FTTH (Fiber To The Home) para fornecer ás empresas residentes unhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descarga.
O Concello tamén explicou que grazas a estes equipamentos a firmas locais poden ter pleno acceso a “novos servizos de valor engadido en materia de promoción para as empresas”, como por exemplo a videoconferencia dende a nube ou os servizos da industria 4.0, orientados á eficiencia enerxética, servidores virtuais, analítica de datos ou control de intrusións nas edificacións, entre outros. “E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa”, engadiron fontes do Goberno local.
O Concello, amais do devandito, lembrou que as empresas interesadas na contratación do servizo poden facelo xa chamando directamente ao número gratuíto 1445 de atención ao cliente de R. Para máis información tamén se pode contactar coa Oficina do Plan de Banda Larga a través da conta oficina.bandalarga@xunta.es ou chamando ao 981 95 78 68, en horario de luns a venres de 9:00 a 15:00h.
As empresas do polígono de Merelle en Ordes xa contan coa Internet ultrarrápida de R
Compartir Este Artigo

