
Segundo engadiu, trátase da primeira vez que Galicia conta cun recurso destas características, “unha cartografía autonómica adaptada aos requirimentos das TIC para o seu emprego directo en sistemas SIX, para a súa integración en infraestrutura da datos espaciais ou para a súa implementación en servidores web de mapas”.
Tamén puidemos saber que nos traballos para darlle forma colaborou a empresa tecnolóxica Esri, especializada no fornecemento de sistemas SIX. Segundo engadiu a conselleira e reflectiron os representantes de Esri, “a nova base permitirá cousas concretas de gran utilidade como por exemplo avaliar plans urbanísticos, plans agrarios ou plans de protección de civil, e ademais contará co engadido de ser de acceso aberto tanto para os técnicos como para os cidadáns”.
Segundo explicou a conselleira, esta fonte de información posibilitará, tirando proveito de todas as súas posibilidades de análise espacial, un labor optimizado de planificación territorial. Por este motivo, dixo, a Xunta vaina empregar como base para o futuro Plan Básico Autonómico. “Esta base”, engadiu, “non é un punto final, senón un punto de partida”, pois “está preparada para a súa actualización por capas que permite unha actualización continua da mesma, co obxectivo de acadar un alto grado de dinamismo na cartografía”.
A respecto da importancia dos traballos como elementos de normalización TIC, Mato Otero indicou que a información xeográfica é “fundamental para o proxecto global de Sociedade da Información e por iso que Galicia debe avanzar cara unha sociedade baseada na xeración e uso de coñecemento, produtos e servizos de información, e deste xeito propulsar o crecemento económico e a competitividade”.
Dispoñible en formato SIX a Base de Datos Cartográfica de Galicia
Compartir Este Artigo

