Vitae, consultora galega especializada en formación tecnolóxica de referencia para os nosos profesionais, anunciou esta semana a preparación dunha nova actividade de seu moi acaida para todos aqueles de nós que queiramos facer avanzar os nosos sitios web comerciais en sinxeleza, efectividade e facilitade de uso. Dito doutro xeito: trátase dunha oportunidade para adquirirmos recursos que nos axuden a anticiparnos aos desexos dos clientes e usuarios en xeral. Este é precisamente un dos grandes obxectivos do seminario adicado á Experiencia de Usuario -UX- e Usabilidade en Proxectos Web e eCommerce. Estamos, en palabras de Vitae, ante a terceira edición dun obradoiro directamente encamiñado a amosarnos como deseñar e programar estratexias de usabilidade mediante metodoloxías, técnicas e ferramentas para cumprir coas expectativas dos usuarios.
Segundo explica a consultora, o título do seminario ten a súa raizame no termo “UX Design”, abreviatura de User Experience Design ou, en galego, Deseño de Experiencia de Usuario. Trátase, para quen nono o saiba, dunha filosofía de deseño que ten por obxectivo a creación de produtos que resolvan necesidades concretas dos seus usuarios finais, conseguindo a maior satisfacción e mellor experiencia de uso posible co mínimo esforzo. En palabras de Dan Saffer, director de Kicker Studios, UX constitúe “o que o cliente percibe ao usar ou probar un produto e unha forma de ver estes produtos de maneira integral desde o punto de vista dun usuario ao que é probable que non lle importe como se fan eses produtos, só o produto en si mesmo”.
Segundo lembra Vitae, o proceso para o deseño de UX está relacionado con “comprender e deseñar a experiencia do cliente de principio a fin, e non só o aspecto estético e as funcionalidades dun sitio”. En base a isto, os clientes piden algo tanxible de contado. Porén, primeiro é preciso comprender os requirimentos do negocio e as necesidades daqueles.
O curso concibido e artellado por Vitae incluirá estratexias en proxectos web e en proxectos de mobilidade cun enfoque eminentemente práctico. Os obxectivos son: introducir aos asistentes na importancia da definición global dun proxecto web desde o punto de vista do usuario, fornecer metodoloxías para cubrir as expectativas e as necesidades dos visitantes, e por último, ver as peculiaridades especiais dos proxectos de comercio electrónico
Vitae diríxese, desta volta, a programadores, consultores, analistas, xefes de proxecto, responsables de comunidades, especialistas en posicionamento en buscadores, técnicos de mercadotecnia en liña, deseñadores e, en liñas xerais, profesionais interesados en ampliar a súa formación en UX para chegar a ter unha fonda comprensión da interacción entre persoa e computador.
Lembrar por último que ademais deste obradoiro, neste segundo trimestre do 2017 Vitae presenta unha ampla oferta formativa centrada en xestión, habilidades persoais e de operacións: Avaliación Avanzada de Perfís TI, Xestión de Proxectos Áxiles con SCRUM, Angular2 ou Desenvolvemento Frontend moderno con React e Redux.
Vitae amósanos metodoloxías para cumprirmos no eCommerce coas expectativas dos usuarios
Compartir Este Artigo

