A Fundación TIC (Deputación de Lugo) quere subir novos chanzos no seu obxectivo de ser, amais dunha fonte de coñecemento e formación tecnolóxico-audiovisual, un fervedoiro de actividades sociais e solidarias. Nesta liña insírese o acordo asinado este xoves coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e que ten a finalidade de colaborar para difundir na provincia campañas de sensibilización e concienciación na loita contra a devandita doenza. Na formalización do acordo participaron o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a presidenta da AECC de Lugo, Mariluz Abelleira. Segundo fixo saber Santos, boa parte deste labor de comunicación e visualización levarase a cabo nas redes sociais, achegando todo tipo de contidos dixitais.
Concretamente, Santos explicou que con esta colaboración contribuirase a que as campañas da AECC cheguen a un meirande número de persoas a través da promoción e difusión de audiovisuais en medios de comunicación e redes sociais, “co obxectivo de sumar esforzos e recadar fondos para paliar unha das principais causas de morte en España”. Trala sinatura do convenio, que tivo lugar na sede que a entidade social ten en Lugo, Santos e Abelleira fixeron un percorrido polas instalacións da asociación co gallo de comprobar de primeira man o traballo que realizan nos distintos departamentos da xunta provincial de Lugo de AECC. Lembrar que esta asociación integra doentes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.
Segundo fixeron saber, a primeira colaboración ao abeiro deste convenio será a gravación íntegra e posterior difusión en liña do obradoiro de alimentación saudable que a entidade levará a cabo o vindeiro 29 de marzo na cafetería do persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.
Por outra banda, informar que a Fundación TIC complementou esta acción solidaria con outro convenio social asinado este xoves. Desta volta, a colaboración formalizouse coa Fundación INGADA (Instituto Galego de TDAH e Trastornos Asociados), e consistirá novamente en amplificar e dar máis visibilidade a accións de sensibilización e comunicación. Con este acordo, a Fundación TIC xa fornece os seus servizos a máis de 170 asociacións sen arela de lucro.
A Fundación TIC contribuirá á loita contra o cancro nas redes sociais
Compartir Este Artigo

