A nova firma innovadora Txstockdata, con sede na Tecnópole de Ourense, vén de anunciar unha importante novidade relativa a Senseitrade, unha aplicación de seu que nos axuda a tirar proveito da inxente información de valor que se publica nas redes sociais (o que se coñece como Big Data social) para collermos os mellores e máis axeitados rumbos en materia de investimento en bolsa. A novidade consiste en que a partir de agora os usuarios da aplicación recibirán alertas cos chíos máis relevantes para a cotización dunha acción, o que lles permitirá tomar decisións no momento para aproveitar cada movemento.
Segundo explican dende Senseitrade e reflicten fontes da Tecnópole, “ata o de agora a app avaliaba as mensaxes de Twitter sobre diferentes accións para comprobar se eran positivas ou negativas, pero decidimos dar un paso máis cunha actualización pola que os usuarios poderán recibir unha alerta push no seu smartphone cos chíos que o seu algoritmo considera relevantes para a cotización dunha acción”.
Ademais, a nova actualización de Senseitrade inclúe cambios na estrutura e visualización do contido co fin de crear unha navegación e experiencia do usuario máis intuitiva gráfica e sinxela, cun maior control da información.
Txstockdata-Senseitrade, como lembraremos, é gañadora do certame de aceleración de empresas VíaGalicia na súa edición de 2015. Ademais, recentemente, obtivo un importante recoñecemento nos premios de AJE Galicia: o accésit na categoría de innovación. Senseitrade está dispoñible para iOS e para Android e foi desenvolvida co obxectivo de tirar proveito das comunidades 2.0, en especial Twitter, como emprazamentos de información onde se deciden boa parte dos camiños que vai seguir a bolsa.
A app galega Senseitrade xa envía alertas aos seus usuarios
Compartir Este Artigo

