A aplicación galega ClepIO, desenvolvida co fin de dar resposta ás nosas demandas de xestión persoal dos nosos datos relativos á saúde (trátase dunha pioneira plataforma de Rexistro Persoal de Saúde, PHR polas súas siglas en inglés), vén de obter un importante recoñecemento a nivel estatal. Máis polo miúdo, foi obxecto do Premio do Xurado do Concurso á Mellor App Sanitaria 2016 que entregan cada ano os profesionais médicos españois da man da Clínica San Francisco. Segundo sinalan os creadores da ferramenta móbil, “este galardón distingue a nosa aplicación como unha das mellores apps do ámbito socio-sanitario español”. Trátase, engaden, “dun recoñecemento ao noso labor ao redor da mellora do medicamento, e a integración entre usuarios e centros sanitarios”.
Como lembraremos, ClepIO salienta por unha cantidade importante de funcionalidades pioneiras, pero se cadra é especialmente destacable por permitirnos acceder e xestionar os nosos datos de saúde sen depender do centro ao que acudimos decote, nin depender da compañía aseguradora na que teñamos contratada a nosa póliza.
Como gañadora do primeiro Premio do Xurado á Mellor App Sanitaria 2016, a Clínica San Francisco concede á aplicación ClepIO unha dotación económica para a mellora da plataforma e a difusión publicitaria durante un ano na canle de televisión da clínica.
Máis detalles da aplicación
ClepIO, en palabras dos seus desenvolvedores, “é unha aplicación de saúde en liña que aproveita as vantaxes das novas tecnoloxías para permitirnos xestionar o teu historial médico, o teu rexistro persoal de saúde e o dos teus. E engaden: “Dunha forma accesible, sinxela e segura, poderemos facer cousas como levar control dos nosos tratamentos, programar avisos para citas médicas, facer seguimento da nosa vida saudable ou ben almacenar nun único punto as nosas radiografías e informes”. ClepIO tamén permite efectuar controis continuos das mulleres embarazadas, e axudar a persoas dependentes nas súas visitas médicas. A app tamén posibilita a sincronización cunha manchea de dispositivos medidores de saúde, compatibles con Google Fit ou Apple Health.
A aplicación galega ClepIO, premiada polos médicos españois
Compartir Este Artigo

