A Deputación de Lugo vén de estrear unha canle ao servizo da provincia na plataforma de micromecenado (financiamento colectivo nas redes tamén coñecido como crowdfounding) Goteo. A canle foi dada a coñecer pola deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto. A iniciativa vén da man do Goberno da Deputación, a Fundación Goteo e a Fundación Uxío Novoneyra. Na presentación tamén se deu a coñecer un obradoiro de formación sobre este tipo de financiamento (xeralmente asociado á redes) e desenvolvido para asesorar en micromecenado aos proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación. O Executivo provincial colabora coa Fundación Uxío Novoneyra cunha achega económica de 35.000 euros para a celebración de diferentes actividades e obradoiros durante todo o ano.
No acto, García Porto salientou que dende o Goberno da Deputación e en colaboración con ambas fundacións, “creamos un equipo reforzado que quere que na provincia de Lugo exista unha canle para fomentar proxectos relacionados coa economía creativa e de colaboración”.
No obradoiro, que ofrece o organismo provincial, Goteo asesorará aos 5 proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación, para deseñar a páxina de crowfounding de cada un dos proxectos e aportarlles información específica sobre estas metodoloxías para a procura de apoios económicos colectivos.
Os 5 proxectos seleccionados pola área de Cultura para o asesoramento sobre micromecenado son:
·O Proxecto Conto mindfulness Cae unha estrela que busca nos nenos “unha meirande relaxación e paz interior coa axuda dos pais”. O libro abrangue ensinanzas para traballar cos máis cativos e para vivir a vida “con calma e tranquilidade”.
· O Proxecto Liga Santaballesa que consiste na creación dunha nova parte do museo da Casa Habanera, na parroquia de Santaballa, no Concello de Vilalba, que englobe a ruta de 15 km que recorre os puntos estratéxicos e de máis interese recreando os momentos históricos.
· O Proxecto Custodia do Territorio co que recuperará a fauna e, especialmente, a flora da Comarca da Ulloa, eliminando o eucalipto.
· O Proxecto AIE – Internship, unha plataforma web de mobilidade internacional que conecta a estudantes universitarios con organizacións ou empresas de nova creación que se localizan en cidades low cost, fornecendo oportunidades de prácticas internacionais en empresas europeas. O obxectivo é “desenvolver unha nova xeración, innovadora e culturalmente visible”.
· O Proxecto da Sociedade Protectora de Animais e Plantas que consiste na creación e mellora das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Entre as iniciativas salienta a creación dunha gateira e unha clínica, ademais de aumentar o número de metros cadrados de cada parcela para que os animais teñan unha maior comodidade, entre outros obxectivos.
A Deputación presenta a canle de Goteo para Lugo
Compartir Este Artigo

