O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publicou hoxe o informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2016, no que se recollen datos como que o tecido empresarial galego incrementou o gasto en bens e servizos TIC entre 2014 e 2015, rexistrándose o crecemento máis significativo nas microempresas cun aumento do 45%, pasando de 26 millóns de euros a case 38 millóns de euros.
Nas empresas de 10 ou máis empregados o investimento pasou de 63 millóns de euros a 72,8 millóns, o que supón un crecemento do 15%. As microempresas destinan máis recursos aos bens TIC, mentres que as empresas de 10 ou máis traballadores destinan a maior parte do gasto a servizos e consultas TIC.
A visibilidade na estratexia empresarial e a publicidade na Internet
Un terzo das microempresas con conexión a Internet (33,7%) e un 79,6% das empresas de dez ou máis empregados con sede ou actividade na Comunidade posúen páxina web. As empresas deste último segmento empresarial converxen coa media estatal neste indicador mentres que as microempresas galegas sitúanse máis de 2 puntos por riba do conxunto do Estado.
Un 28,6% das microempresas e un 42,6% das PEME e grandes empresas están presente en redes sociais. A presenza en medios sociais durante o ano 2016 aumenta en tres puntos nas grandes empresas e 1,3 puntos nas microempresas. Un 10% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega a duplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores (un 22%).
Sinatura dixital, factura electrónica, ferramentas de xestión e Big Data
A sinatura dixital é utilizada por tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores e un 41,7% das microempresas (6,8 puntos máis no último ano). As pemes e grandes empresas galesas empregan a factura electrónica en maior medida que en España.
A compra dalgún servizo Cloud Computing nas empresas galegas progresa lixeiramente, chegando a un 17,8% en empresas de 10 ou máis. O uso de ferramentas informáticas de xestión de información do cliente CRM é do 7,4% nas empresas de 0 a 9 traballadores mentres que nas empresas de máis de 10 traballadores acada ao 38,3%.
A porcentaxe de empresas galegas que incorpora a análise Big Data é aínda pequeno: as microempresas que analizan macrodatos dos seus clientes é dun 3%, triplicándose no caso de empresas de maior tamaño.
Comercio electrónico e Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet
Unha de cada catro empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia fixeron compras a través de Internet durante o último ano, fronte ao 17% das microempresas. As microempresas galegas superan en compras a través de Internet no último ano á media estatal (un 17% fronte ao 16,6%).
En canto á interacción coas diferentes Administracións Públicas, todos os tramos empresariais sitúanse en valores próximos á media estatal. A xestión máis habitual é a solicitude de información ou trámites online, que experimentaron un crecemento superior aos 3 puntos porcentuais en todos os segmentos empresariais.
Tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores empregan a devolución de impresos cumprimentados de xeito telemático coas Administracións Públicas situándose por riba da media estatal neste trámite.
A metade das microempresas tamén sinalan a declaración de impostos como o motivo principal para interactuar coas Administracións Públicas a través de Internet. O 31,7% das microempresas, argumentan a facilidade de declarar as contribucións á Seguridade Social como o principal motivo para interactuar coas Administracións Públicas na Rede.

