A Deputación de Pontevedra quere tirar proveito do seu programa de formación SmartPEME, centrado en achegar as TIC aos autónomos e ás empresas da provincia, para impulsar o máximo o desenvolvemento de Cambados e maila súa repercusión internacional como Cidade Europea do Viño 2017. Estes obxectivos foron dados a coñecer este martes pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, acompañadas polo deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. Segundo fixeron saber nun plano máis detallado, a idea da Deputación é afianzar na vila arousá a transformación dixital e mailas novas tendencias na comercialización en liña do sector do viño. Neste punto, sinalou Silva, ten un gran potencial o programa SmartPEME, que, como lembraremos, diríxese a encher a provincia (dende os centros de operacións SmartPEME de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo) de accións formativas TIC ao servizo do tecido produtivo dos concellos.
Silva, Abal e Dios participaron na vila arousá nun coloquio sobre transformación dixital e novas tendencias no sector do viño convocado ao abeiro de SmartPEME. Foi a primeira das actividades de SmartPEME desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do convenio asinado con Cambados por mor do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017.
A presidenta provincial engadiu que ademais desta xornada sobre novas tecnoloxías aplicadas ao sector vitivinícola, “imos desenvolver outras moitas actuacións relativas á promoción cultural, traendo un gran festival musical a Cambados e convertendo a vila nun dos eixos de promoción turística do Destino Rías Baixas”, isto último baixo o lema Cambados, Cidade Europea do Viño, orgullo dunha provincia. Silva tamén deu a coñecer outras accións de promoción nas que Cambados estará presente, como as presentacións turísticas que a institución provincial desenvolverá en Lisboa, no Porto e nos centros galegos de París, Toulouse, Brasil ou Arxentina.
Para a presidenta da Deputación a primeira actividade desenvolvida pola institución ao abeiro do convenio asinado con Cambados con motivo do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017 “tiña que ter relación coas novas tecnoloxías”. Neste contexto, Silva asegurou que “cómpre que as adegas e o sector vitivinícola se sumen ás novas tecnoloxías porque estas ferramentas están a permitir, neste mundo global no que vivimos, xerar máis eficacia, eficiencia, aforro de custos e dotar as nosas empresas de maior capacidade de internacionalización e comercialización, pasando da alta calidade que xa temos á excelencia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, agradeceu “o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra ao Concello de Cambados en todos os eidos”, que se pode ver, dixo, no propio slogan que a institución está a empregar e que expresa o que significa para a Deputación o noso nomeamento: Cambados, Cidade Europea do Viño, orgullo dunha provincia.
Baixo o paraugas do proxecto SmartPEME, a primeira actividade da institución provincial organizada ao abeiro do convenio asinado con Cambados por causa do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017 xirou arredor de dúas mesas redondas. A primeira delas abordou a xestión dos viñedos e adegas mediante o emprego de novas tecnoloxías e a segunda centrouse nas novas vías e tendencias de comercialización do viño a través de Internet.
En concreto, na primeira das xornadas falouse sobre a implantación de solucións con software libre, sobre facer seguimento do estado das vides a través das novas tecnoloxías e sobre plataformas concretas que están a permitir transformar o sector do viño. Pola súa parte, a segunda das xornadas permitiu ás persoas asistentes coñecer aplicacións no mercado relativas ao comercio electrónico e á xestión de stocks, ao deseño web e ás achegas das novas tecnoloxías á comercialización en liña do sector vitivinícola.
A Deputación de Pontevedra impulsa a transformación dixital en Cambados
Compartir Este Artigo

