A sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) acolleu esta semana unha conferencia sobre a importancia da análise dixital nas empresas. A sesión, que veu da man do Colexio de Economistas, foi impartida por Alfonso Ramos, executivo da consultora multinacional Seidor. Segundo fixo saber, vivimos un tempo de clara evolución tecnolóxica e, polo tanto, somos testemuñas (e parte activa) dunha serie de avances que tamén achegan un feixe de retos e desafíos a ter en conta. Por exemplo, o devandito proceso vai obrigar ás empresas a implantar cousas como o sistema de análise dixital total para poder competir en igualdade de condicións coas demais firmas que operan no mercado. Ramos, director de SDManalytics by Seidor, fixo fincapé nos segredos e vantaxes da investigación dixital, no estudo pormenorizado de datos que poidan ser de proveito para a optimización total do funcionamento das empresas.
Segundo fixo saber, estes procesos son necesarios hoxe en día para compañías de todos os sectores produtivos, “dado que na contorna actual todo muda a unha velocidade de vertixe, polo que debemos estar preparados para tomar decisións de continuo e en tempo real”. No seu relatorio, explicou a situación actual do tecido empresarial, as competencias futuras dos directivos, a importancia da xestión dos datos nas empresas e as solucións tecnolóxicas que permiten esta transición e esta aposta pola dixitalización: metodoloxías e recursos como Discovery, Big Data, predicións e análises da información nas redes, etc.
Lembrar que Alfonso Ramos é enxeñeiro industrial e experto en organización en enxeñaría de procesos, así como tamén en dirección de plantas industriais e dirección de empresas, amais de profesor universitario. A súa actividade profesional está focalizada en parte na procura de métodos e aplicacións para facer ás empresas máis rendibles e eficientes e produtivas grazas ao aproveitamento das TIC e da información inxente que xeran clientes, usuarios e mercado.
Os empresarios de Ourense introdúcense nas vantaxes da análise dixital
Compartir Este Artigo

