Unha ferramenta móbil para favorecer o consumo responsable e sustentable de peixe. Esta é a base da aplicación Non piques, non peques, que, como indica no seu nome, serve de axuda para sabermos se nun lugar de venda estamos ante un produto que, polo seu pequeno tamaño, non debéramos mercar. A app foi posta en marcha pola Consellería do Mar e, entre outras cousas, inclúe datos sobre vedas, talles mínimos e sobre o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan na nosa terra. A ferramenta non foi lanzada nestes días porque si: foi impulsada coincidindo con Semana Santa co obxectivo de difundila e dala a coñecer entre a cidadanía en xeral e especialmente entre os turistas que visitarán Galicia no período feriado.
A app fornece información sobre as mellores épocas para mercar e consumir peixe e marisco capturados na costa galega e a súa contorna ao tempo que axuda a identificar de xeito sinxelo, visual e ameno as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Como dixemos, abrangue tamén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo. “Está composta por 53 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia e funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet”, sinala a Consellería do Mar, engadindo que a descarga é “moi sinxela e totalmente de balde”. Está dispoñible para iOS e para Android e para Windows Phone.
Mar lanza unha app para impulsar o consumo óptimo de peixes e mariscos
Compartir Este Artigo

