O Banco Santander anunciou que está a modificar a súa rede de caixeiros automáticos incorporándolles tecnoloxía contactless o que permite a retirada de cartos en efectivo incluso sen empregar tarxetas, simplemente co móbil, grazas ao uso da tecnoloxía NFC que incorporan tanto teléfonos con Android como os iPhone, podendo empregarse esta tecnoloxía tanto para reintegros como para ingresos, asegurando a entidade que é o primeiro banco español que ofrece este servizo con ambos sistemas operativo.
Dende a entidade aseguran que o novo servizo supón unha mellora na operatividade e na seguridade nas retiradas de efectivo, de xeito que os usuarios continuarán a ter as súas tarxetas físicas, así como unha copia de seguridade no seu móbil, e incluso será posible gozar dunha nova tarxetas antes de que chegue fisicamente ao domicilio do usuario, engadíndoa ao móbil no momento da súa emisión.
As operacións co móbil estarán certificadas pola pegada dixital do usuario, o que outorga un maior nivel de protección, aínda que esta funcionalidade polo momento limítase ao iPhone, pero a partires de xuño funcionará tamén en Android.
Polo momento hai 1.900 caixeiros (o 40% da rede en toda España) con contactless, e confíase en chegar aos 2.300 antes de rematar o ano.
Esta iniciativa do Banco Santander vai na liña da incorporación de Apple Pay o pasado decembro, o que aseguran que supuxo un importante pulo aos pagamentos móbiles en España e dende a entidade aseguran que o acordo con Apple permitiulles copar a metade dos pagamentos mediante móbil en España. Tamén permite realizar pagamentos con móbiles Android a través da aplicación Santander Wallet e tamén confíase na incorporación de Samsung Pay este mesmo ano.
Os caixeiros do Banco Santander permiten retirar cartos co móbil
Compartir Este Artigo
