A información que apuntaba á chegada de Apple Pay a España resultou ser correcta, e o Banco Santander confirmou hoxe que os seus clientes xa poden empregar Apple Pay, un servizo sinxelo, seguro e privado para pagar co móbil, que destaca pola súa rapidez e simplicidade, e que estrea o Santander en España grazas á colaboración con Redsys e Mastercard.
A entidade bancaria estima que Apple Pay pode así empregarse no 75% dos comercios que ofrece o pagamento con tarxeta sen conecto, para o que os clientes do Banco Santander só terían que engadir as súas tarxetas de crédito e débito nos seus dispositivos de Apple compatibles para facer pagamentos con iPhone e Apple Watch. Concretamente os teléfonos compatibles serían os iPhone SE, 6, 6 Plus e 7, mentres que no reloxo funcionaría con todos os modelos.
Apple Pay tamén permite dende hai pouco realizar pagamentos vía web, para o que chega con pór o dedo no Touch ID, de xeito que non hai que iniciar sesión nin rexistrarse para poder autorizar un pagamento en liña. Para pagar en aplicacións ou co navegador web Safari valéndose de Apple Pay é preciso ter un dos teléfonos compatibles, un iPad Pro, un iPad Air 2, un iPad mini 3 (ou posteriores) ou n ordenador Mac de a partires de 2012 con macOS Sierra (precisando para confirmar o pagamento dun smartphone con lector de pegadas, un Apple Watch ou o novo MacBook Pro, equipado con Touch ID).
Aparte de con tarxetas Mastercard do Banco Santander, Apple Pay tamén está xa dispoñible para usuarios de American Express, de Edenred (tarxetas Ticket Restaurant) e dos servizos financeiros de Carrefour, aos que irán incorporándose novas entidades e tarxetas progresivamente.
Vídeo co que o Banco Santander explica o funcionamento de Apple Pay
