Os traballos das nosas entidades, centros tecnolóxicos e empresas para impulsar os coches do futuro (os coches smart con capacidade para conduciren por si sós e para saber en todo intre o sitio exacto onde nos atopamos e que facer para extremar a seguridade dos ocupantes) comezan a dar froitos concretos. É o caso de Sat2Car, un revolucionario proxecto de ampla participación galega que achanda o camiño da condución autónoma botando da man das telecomunicacións por satélite. Máis polo miúdo, Sat2Car diríxese a desenvolver e validar un sistema integral de servizos e aplicacións móbiles en vehículo a través dun satélite de comunicacións operando na banda Ka. Este sistema permitirá xestionar, encolar, transmitir, validar e despregar actualizacións software de maneira remota sobre unha flota de vehículos.
O proxecto, que comezou en 2016 e conclúe en 2018, está coordinado pola firma galega EGATEL. Nel tamén participan as galegas Altia e Quobis Networks, Peugeot Citroën Automóbiles España e Hispasat. Igualmente, colabora na iniciativa o Centro Tecnolóxico de Automación de Galicia (CTAG), o Centro Tecnolóxico Gradiant e a Universidade de Vigo. O proxecto desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Sat2Car, Sistema para servizos de vehículo conectado mediante comunicacións vía satélite.
Como dixemos, o satélite e as posibilidades que abre esta tecnolóxica é un dos alicerces básicos da iniciativa. Segundo sinala Hispasat nun plano máis concreto, o satélite postúlase como a plataforma ideal para fornecer servizos sen fíos como a difusión de vídeo ou a actualización remota do software das unidades de “infoentretemento” dos vehículos, as que informan sobre o estado da estradas ou sobre novas relativas ás mesmas e á condución. E engádese: “Unha das grandes vantaxes do satélite é que dende el podemos subministrar un único arquivo de actualización para todos os vehículos, mentres que coas redes terrestres envíase un arquivo para cada vehículo”. Polo tanto, “gáñase en competitividade e eficiencia”.
O proxecto está subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) a través do programa FEDER-Innterconecta 2016, e conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade e co co-financiamento dos Fondos FEDER da Unión Europea.
O proxecto galego Sat2Car prepara o camiño dos vehículos conectados mediante satélite
Compartir Este Artigo

