A Deputación de Lugo amosou hoxe o seu apoio ao concello de Valadouro e á súa veciñanza. Fíxoo persoalmente o presidente da Deputación, Darío Campos, quen participou nunha xuntanza co alcalde do dito concello lucense, Edmundo Maseda. Campos lembrou ante os medios que a contía do orzamento de 2016 que a Deputación achegou aos veciños do Valadouro (para mellorar a súa calidade de vida dende diferentes frontes e en distintos ámbitos) foi de 331.000 euros. Campos tamén fixo saber que este investimento representa a cuarta parte do presuposto municipal (uns 160 euros por habitante). O apoio da Deputación tamén tivo reflexo na dotación TIC do municipio.
O presidente e o alcalde avaliaron as achegas provinciais en materia de servizos sociais e mantiveron encontros con usuarias do Servizo a Domicilio para non dependentes (que financia na súa totalidade a Deputación nos 66 Concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes) e do servizo de Teleasistencia (que o Goberno da Deputación ofrece aos maiores dos municipios lucenses a custe cero). Asemade, fixeron saber que a entidade provincial colaborou con 28.500 euros no financiamento de prestacións públicas doutra índole (deportiva, cultural, educativa…), que “contribúen a dinamizar a vida no rural, pois ofrecen aos cidadáns distintas actividades, e do rural, pois tamén dinamizan a economía local”.
Outro dos aspectos a avaliar foi o das melloras en dotacións públicas (por exemplo 135.000 euros para mellorar o conxunto das estradas do casco urbano, así como de zonas rurais), ás que cómpre engadir os preto de 18.000 euros en melloras e equipamentos de centros sociais públicos; os 17.400 para melloras na rede de abastecemento; os case 24.000 euros do Plan de Aforro Enerxético, destinado á mellora do alumeado público, ou os 5.000 do Plan de TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), entre outros. Asemade, salientaron as medidas conxuntas para fomentar o emprego no concello, por exemplo a través da Escola Pública de Horticultura de Galicia, que puxo en marcha o Executivo da Deputación no Valadouro e que se viu beneficiada pola entidade que preside Darío Campos nos orzamentos de 2016 con case 30.000 euros. Esta contía foi destinada a mellorar o material tecnolóxico desta escola pública e gratuíta. Campos tamén tivo palabras para falar das posibilidades que se abren para a veciñanza desempregada con DepuEmprego, o plan da Deputación para favorecer a inserción. Este plan, por certo, inclúe entre as súas actividades formativas achegamentos completos á informática e ás novas tecnoloxías.
A Deputación de Lugo mellorou os servizos aos cidadáns e os equipamentos tecnolóxicos do Valadouro
Compartir Este Artigo

